Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Blogs  >  Artículo Actual

O “Cancro” do Bierzo (III)

Por   /  08/08/2015 

    Imprimir       Email

 A SOCIEDADE BERCIANA AMOSA A SÚA INTENCIÓN: “SALVEMOS O BIERZO” 

Chegou o preciso intre no que, por mor de todo o acontecido ata entón, decidiuse facer un chamamento co obxecto de mobilizar aos nosos cidadáns xusto no mes da celebración das eleccións autonómicas e municipais de hai catro anos. Esta estratexia saldouse cun amplo rexeitamento á pretensión da multinacional Votorantim a queimar (pór en valor) os refugallos ou residuos urbanos tóxicos, perigosos e velenosos.
Representantes de diversos colectivos e os seus asociados, xentes do eido da cultura, de idade, o conxunto da mocidade, cativos,… onte (a mediados de maio) – todo o Bierzo – tiña claro e mantiña fermemente que á nosa contorna lle cumpría manifestar a súa postura de protesta total fronte aos proxectos das compañías Cosmos en Toural, Aqualdre Zinc (Cubillos) e Biergrim en Matachana, e ao dano que á nosa saúde e ao porvir de sectores vitais – nomeadamente o agroalimentario e mailo turístico – lles provocaría de acadaren a mudanza interesada que pretenden.

Asemade, moitos políticos e cabeceiras de listaxe electorais dunha morea de concellos do Bierzo comprometéronse a deixar parcialmente de banda a campaña, e deron un pulo á manifestación, evidenciando ao mesmo tempo que son ante todo cidadáns bercianos, e que tamén todos eles estiman basicamente ter un Bierzo sen máis contaminación e san.SALVEMOS EL BIERZO - 14-05-2011 141

Achega de prensa (19-06-11): “10.000 sinaturas foron libradas perante á Junta en protesta en resposta á tentativa a prol da incineración de residuos en Cosmos”.
Mañá, luns ás 11 da mañá, a Plataforma “Salvemos O Bierzo” procederá ó libramento na sede ou Delegación da Junta de Castilla e León en Ponferrada dunhas 10.000 sinaturas que manifestan a vontade da cidadanía en contra da incineración que se vén a promover e levar a termo na localidade de Toural dos Vaos. Isto mesmo serve para dar fe deste sentimento e vai no senso de incidir na grande sensibilidade e preocupación que se detecta no seo da nosa xente berciana, quen en masa e na súa meirande proporción vén a dicir NON á instalación dunha pranta incineradora no Bierzo. Membros da Plataforma creada por Colectivos variados farán a súa presenza e concitaranse nas oficinas que a Junta de Castilla e León ten abertas en Ponferrrada co obxecto de deixar constancia da súa tramitación, materialmente e de xeito persoal e directo, coas caixas nas que se clasifican a totalidade das devanditas adhesións.
Atopámonos nun mes crucial e decisivo para que a administración autonómica resolva ou ditamine a favor ou contra a queima dos residuos tóxicos en cuestión e cómpre que teñan en conta, por enriba de todo, o que o Bierzo reclama e demanda: non se poden facer como se fosen xordos ao veren o ruxe-ruxe popular e esparexido e, ademais, defenderen as ganancias e intereses dunha empresa transnacional. E é que talvez prográmase que, á costa de rendabilizar unha compañía, fai falla hipotecar e atentar contra a saúde de tódolos bercianos e, aínda máis, legar aos seus futuros fillos e xeracións vindeiras unha conta impagable (o que conlevará aparellado irremediablemente un maior custo e orzamento se se quer velar pola saúde pública).
Publicada no BOCyL a denegación de principio de actividade á factoría de Cosmos.
Apuntamento de Prensa (29 xullo 2011, Ecoloxistas en acción)
A CEMENTEIRA DA ROBLA NON ESTARÍA A INCINERAR RESIDUOS SEMPRE QUE A XUNTA SEGUIRA E SE REAFIRMASE NO MESMO CRITERIO APLICADO A COSMOS

SALVEMOS EL BIERZO- 14_051

Logo de ollar o BOCyL do 27 de xullo, no que se recolle a Orde da Consellería de Fomento e Medio Ambiente que impide a coincineración de residuos solicitada pola empresa Cementos Cosmos,
Ecoloxistas en Acción da provincia de León, que vai acoller con gran satisfacción e gozo esta decisión da Xunta que atinxe prioritariamente ó Bierzo e que – no ámbito xudicial – fai que aínda fique diante o T. S. X. un recurso contencioso-administrativo contra o proxecto de coincineración na Robla, felicítase do devandito pronunciamento. Por iso coidamos que, de se ter utilizada idéntica estratexia e argumentacións respecto á estimación do grao de cumprimiento da Autorización ambiental, tamén se habría denegado no proceso correspondente a que concerne a Tudela Veguín: trátase por certo da Autorización co gallo de encetar a desenvolve a actividade de “valorización” nas instalacións de coincineración de residuos consideradas e estudadas. A súa prohibición viría igualmente decretada e baseada nos razoamentos empregados no caso da Cementeira de Cosmos.
Lembramos que ámba-las dúas plantas de produción foron no seu día autorizadas a coincinerar residuos “non perigosos” nun volume semellante (arredor das 33.000 tm. anualmente) e, ademais, as súas autorizacións ambientais integradas foron comunicadas nunha data coincidinte – máis concretamente, no B. O. C. y L. de 23 de xuño de 2008 – e referindo unhas repetidas medidas de control e/ou corrección de partida a adoptar, con anterioridade á concesión do inicio e adaptación da actividade.
As motivacións, que abondan no canto da información desfavorable sobre a posta en funcionamento e acondicionamento cara ó novidoso procedimento de valorización e aproveitamento enerxético no seo da cementeira Cosmos, reflíctense no sinalado documento:
– “As infrasturas esenciais para o amoreamento de residuos para porlos en valor non están rematadas neste intre, nesta data: o 28 de maio de 2011”.
Tudela Veguín obtivo a preceptiva Autorización de comezo de actividade a pesar de non ter executado e colocado obrigatoriamente un novo fornecedor de residuos, ao pensar polo lado da empresa que se trataba dunha mudanza non substancial nin salientable no que concerne á súa autorización ambiental. Váiselle conceder, porén, sen fixar ningún prazo para amosar a conclusión da construción desta nova compoñente do método de fabricación. Desta maneira estábase a renunciar a inspeccionar e vixiar a adecuación da globalidade das instalacións ao plan conxunto, aos condicionantes ecolóxicos e de sostenibilidade inseridos na autorización ambiental aceptada e mailo regulamento de aplicación, actitude que non é aceptable nin lóxica.
-“A empresa vén de facer pública a súa renuncia a “poñer en valor” as fariñas e as graxas, e así mesmo os restos ou lodos provindo do tratamento de augas residuais ou procedentes de depuradoras”.
Seica Tudela Veguín non vai mostrar a súa renuncia ferma e expresa a valorizar madeira (biomasa) non tratada – en mobles por exemplo – e glicerina a Junta non atopou inconveniente ningún aos efectos de permitirlle queimar arreo cualquera clase de residuo autorizado, ata esgotar a cantidade total a considerar: serva como expoñente senlleiro o feito de coincinerar só e exclusivamente as rodas fóra do uso por deterioro (N. F. U.)”.
-“ A Compañía non se preocupou en presentar ata o de agora o informe de cálculos ou hipóteses de medición ao respecto da valorización de plásticos”.
Tudela Veguín informou unicamente sobre a valorización dos N. F. U., sendo que non obstante váiselle posibilitar “de facto” desbotar á coincineración doutros materiais (madeiras non tratadas, matollos e glicerina) sen achegar tan sequera un sinxelo informe de medición das repercusións da valorizacion destes residuos nun proceso produtivo complexo.
-“Non consta o informe acaído do organismo de control que certifique o cumprimento debullado en táboas por baixo dos valores máximos en porcentaxes e totais de emisión de partículas – CO, NOx, SO2, COT – polo que atinxe á normativa de coincineración de biomasa y N. F. U.”.
E, por outra banda, Tudela Veguín non ten acreditados os marxes axeitados dos valores límite de emisión na antedita clase específica polo que fai á concineración de biomasa (madeira non tratada, transformada e máis glicerina) e dos N. F. U.
-“Non figura tampouco a verificación anual dos Sistemas Automáticos de Medición, os exames periódicos do funcionamento correcto dos equipos de medición na súa continuidade en canto apreciacións frecuenciais (soamente se contemplan as incidencias habituais de COT)”. [Este incumprimento non pode afectar nin esquecerse no ámbito da coincineración de residuos; ao contrario, debe referirse a análise á fabricación de clínker e cemento xa que é na realidade a principal actividade existente, polo cal coidamos que cumpriría esixir unha escrupulosa e coidada verificación anual].
En canto ás medicións a practicar na chamada valorización de N. F. U., que Tudela Veguín levou a termo na “fase de probas e experimentación” –recollidas en agosto de 2009 -, todas foron atopadas conformes aínda de terense anotadas antes de que a empresa presentara e trasladase a solicitude de autorización de comezo do labor; e, polo tanto, mesmo co erro de non comprobar a verdadeira adaptación das instalacións de coincineración á novidosa situación, que era o acondicionamento ambiental imposto, indispensable e imprescindible.
En resumo e concluíndo, a Tudela Veguín sinxelamente non só se lle otorgou a licenza para encetar sen entrebancos a actividade de coincineración de residuos (por suposto, sen ter aportado o requerido en tempo e a xeito de xustificación polo miúdo de tódolos condicionantes que a lexislación aprobada prescribe; ao revés, entendemos que foi favorecida e se lle excepcionou adicionalmente, aceptando as modificaciones indispoñibles no ditame contendo a autorización ambiental que propuxo a Consellería competente; permitindo así e sen taxa nin supervisión a queima anual dun continxente de 33.000 toneladas de N. F. U. nas súas instalacións fabrís (en troques das 18.000 tm./ano autorizadas de principio), decisión que suporá un ostensible e potencial aumento nas emisións dos contaminantes máis perigosos e agresivos: dioxinas, furanos e metais pesados, e non tan só na Robla, senón noutras poboacións de perto da súa contorna e naqueles lugares aos que se orienta a dirección dos ventos dominantes e frecuentes, -caso no que convén considerar nomeadamente ao municipio de León-.
Lembramos, a maiores, que a Junta de Castela e León -da mesma maneira que non vai pretextar reserva ningunha por mor de encetar os trámites conducintes a aprobar a Avaliación de impacto ambiental proposta e que podería axudar a Tudela Veguín na súa leria a prol de incrementar a capacidade de coincineración até as 95.000 toneladas anuais de rodas e outros moitos e diversos residuos.
Ecoloxistas en acción da provincia de León comenta a macromobilización nas vésperas das eleccións rexionais:
A manifestación, a través da convocatoria dunha concentración na praza Lazúrtegui da cabeceira do Bierzo, non se moveu sen antes producirse o lanzamento ao aire mediático do comunicado que, dende facía días, redactara o xornalista berciano Luis del Olmo, no que se daba por sentado claramente a súa adhesión á plataforma xordida e no que tamén se facía fincapé na necesidade de actuar agora, posto que logo puidese resultar demasiado tarde e infrutuoso.
O percorrido discurriu nun ambiente de festa e envoltado dunha total normalidade, procurando dar a entender tódolos participantes que a súa xusta inquedanza proviña dun desexo común coma unha mostra de unidade do pobo berciano, na procura de preservar o seu futuro e a súa natureza e economía endóxenas. Ao longo da andaina lenta por tódalas rúas e viais da rota sentíronse proclamas, lemas e rimas rexeitando a incineración adoptada e plasmouse na imaxe de loita por un Bierzo sostible, saudable e sen fumes.

SALVEMOS EL BIERZO - 14-05-2011 219
Ao carón do Castelo dos Templarios, situados no enclave lateral onde véu rematar a marcha pacífica cidadá, o recoñecido xornalista Javier Pérez de Andrés (chegado ao efecto desde Valladolid) – amante e grande coñecedor prendado de tódolos recunchos do noso Bierzo – constituise no fío condutor e no elemento de amalgama coa lectura dun manifesto. Os representantes senlleiros das agrupacións sinantes animáronse logo a ler as manifestacións e discursos elaborados polos nosos paisanos “de sona”: Amancio Prada, Daniel Gavela, Alfonso Rojo, Valentín Carrera, Cristóbal Haftler e Marita e Juan Carlos Mestre. En todos eles, sen falta, recolléronse o malestar, o fastidio, o desvalemento e a consternación da sociedade berciana enfronte deste problema. José Sánchez Carralero vai ler e subliñar na súa disertación as súas conviccións e Luis del Olmo, quen deixou patente o pensamento de que precisábase certamente non empregar exclusivamente a voz da protesta senón tamén facer presente e constatable a mensaxe: é o mellor intre cara a facer profesión da estima e vencello indisociable e indestrutible coa terra de nacemento e orixe. Noutro recanto transmitiunos de novo a necesidade de xuntarnos co gallo de non permitir que o noso fermoso e agarimoso Bierzo sexa aldraxado e asoballado e lanzou unha aposta emprazando ó noso Presidente autonómico, Juan C. Herrera, ao fin de que pescude e propoña tódolos medios co obxectivo de que se implemente unha solución satisfatoria (ao servizo das Denominacións de Orixe e mailo prometedor sector turístico).
Prada, en funcións de voceiro do movemento “SALVEMOS O BIERZO” pechou o acto polo que fai a intervencións, aludindo a tódala xente grazas a quen esta mobilización de reacción foi posible. Cómpre gabar nomeadamente o esforzo e persistencia de asociacións tales como Bierzo Aire Limpo e dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe da zona, que xa levan tempo dabondo agromando para acadar un compromiso de paralización da ameaza que comporta a incineración de residuos e ilo valéndose de tódolos medios legais necesarios e que estean na súa man.
Por outro lado, sinalou que O Bierzo é unha terra produtora e exportadora de enerxía (Central de Anllares de Unión Fenosa e Endesa, Central de Cubillos del Sil de Endesa, encoros e presas e saltos de auga do Sil…) e por esa mesma enerxía excedentaria cóbrannos o mesmo prezo que a un cidadá doutra área cualquera. Mais, para máis absurdidade, esa enerxía aportada e, ante todo, a riqueza e beneficios que xera vai parar a investimentos noutras rexións. Encima queren traernos o lixo e refugallos doutros sitios industriais. Iso é unha traza típica do que acontece nos países en subdesenvolvemento, porque son estas circunstancias as que incitan ás nacións ricas e avanzadas a apodererarense dos seus recursos e materias primas para logo explotalas e estragar o eido natural… e iso non se pode consentir nin admitir.
Tamén estimou doado repartir culpas pois as responsabilidades non residen en ninguén que non sexamos todos nós, os bercianos, por mor da deixadez e a neglixencia da que nos revestimos fronte ao paseniño e constante debecemento e empeoramento das cualidades do noso entorno e natureza dende hai demasiados anos.
“As administracións acaídas e mailos políticos, si poden ou deben facer algo positivo, e é ter a suficiente conciencia ao fin de obedecer a determinación xeral segundo a cal non deixaremos que arrasen cos nosos costumes e/ou medios de vida, e é conveniente dicir con contundencia que cómpre propor novas leis, normativas e regulamentos que non contemplen na súa redación a implantación de industrias contaminantes na nosa comarca. É, entanto, procuremos estar vixiantes porque as formulacións que nesta época existen e se impulsen xa cumpran e respecten con escrupulosidade e rigurosidade toda o corpo normativo de seguridade que se esixe, primando o paradigma da prudencia sempre”.
Temos que intentar a mellora do noso entorno, a nosa natureza, a súa arquitectura e configuración, tódolos enclaves e atractivos, tendo como seguro que iso será o que vaia creando unha riqueza de verdade e sostible, ou sexa, daquela que se mantén e persiste co descorrer do tempo. A pesar dos estragos e sinistros que ten sofrido e agora deterioran O Bierzo, fícannos unhas auténticas e sorprendentes posibilidades materiais ao longo e no interior da nosa rexión.

Marcelino B. Taboada

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

La sentencia que anula el acuerdo plenario de la oposición de Viana que pretendía derrocar al alcalde ya es firme

Leer mas →