Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Blogs  >  Artículo Actual

O patrimonio cultural inmaterial da rexión do Bierzo

Por   /  28/06/2015 

    Imprimir       Email

Todos e todas temos conciencia da necesidade de proteción do noso amplo patrimonio arqueolóxico, monumental, artístico, conxuntos históricos ou rotas turísticas. Así acontece nos casos da paraxe aurífera das Médulas, castro da Ventosa en Pieiros, castelos e pazos señoriais, igrexas ou mosteiros, coas súas esculturas e retábulos, Tebaida berciana ou Camíns Xacobeos (de Santiago e de Inverno). Pero hai outro patrimonio cultural, neste caso de carácter inmaterial, que paga a pena a súa valorización social e xurídica.
No mes de maio derradeiro as Cortes Xerais aprobaron a Lei para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Trátase de protexer xurídicamente este patrimonio cultural en perigo de desaparición. Por suposto, neste traballo non imos analizar os mecanismos legais de protección senón facer un rápido percorrido polo noso amplo patrimonio inmaterial berciano.

IDIOMAS, EXPRESIOIS ORAIS E MODALIDADES LINGÜÍSTICAS

Na rexión do Bierzo existen históricamente varias linguas tradicionais. Referímonos ao castelán, galego e asturleonés. Os bercianos cando utilizamos o castelán inserimos moitas palabras dos outros idiomas territoriais. Ademais, cando viaxamos fóra do Bierzo somos recoñecidos como foráneos pola nosa pronuncia galega. Esta peculiar caraterización nosa deriva da existencia previa dos nosos idiomas tradicionais, galego e asturleonés, no seo das nosas familias e veciñanzas locais.
Pola outra banda, temos a nosa variada literatura oral que abrangue os ditos, os contos, as lendas, as adiviñas, os refráns, etc. Sentimos que moitas veces se recompile este patrimonio tradicional non escrito, non no seu idioma orixinal, senón en castelán perdendo así a súa esencia lingüística. O descoñecemento hoxe destes idiomas tradicionais do Bierzo supón que estas dúas culturas nosas sexan discriminadas e uniformizadas a prol do castelán.

AS FORMAS DE REALIZACIÓN COLETIVA E ORGANIZACIOIS

Neste apartado temos o caso das peculiares comunidades rurais. Referímonos aos concellos medievais que evolucionaron ata as actuais xuntas veciñais. Despois de séculos de loita pola súa autonomía, contra os poderes señoriais e despois contra o centralismo do Estado liberal, as nosas chamadas pedanías representan ás coletividades locais. Son exemplos da participación popular, a través da eleción direta, que reforzan a nosa democracia dende a base. A organización destes concellos históricos se fixo coa elaboración das ordenanzas de cada localidade que se deberan recuperar como dereito local berciano.
OS USOS RITUAIS, SOCIAIS E FESTIVOS.
Hogano celebramos a Saída do Santo de Bembibre que se celebra cada sete anos. Unha celebración que tiña a súa orixe na rogativa para o pedimento de chuvias durante as secas. Esta tradición milagreira do Ecce Homo era compartida pola Virxe da Peña, de Rozuelo ou da Encina de Ponferrada. Outros santuarios como das Angustias de Cacabelos, da Virxe das Neves en Páramo do Sil, da Virxe do Val de Llamas de Cabreira ou a Virxe de Trascastro atraen cada ano a centos de devotos nas súas festas relixiosas.
Tódolos anos agardamos o desfrute das grandes festas patronais da cidade de Ponferrada ou das nosas vilas, O Cristo de Vilafranca, Bembibre e O Barco de Valdeorras, Pascua de Cacabelos, etc. Pero non podemos pasar por alto as que celebran as nosas pequenas localidades que resisten a pesares da emigración. Antigamente era normal a comemoración de dúas festas, de inverno e de verán. En invernía S. Antonio Abad (17 de xaneiro) e Santo Tirso (28 de xaneiro) eran as máis celebradas. As emigraciois por razois laborais alteraron o calendario festivo. Primeiro, pola marcha dos segadores a Castela, decaeron as festas de verán. Despois, pola emigración definitiva do século XX, suspendéronse as festas de inverno fronte ás de verán.
AS MANIFESTACIOIS SONORAS, MUSICAIS E DANZAS TRADICIONAIS.
Cando saen os Maios en Vilafranca do Bierzo non faltan os sones das gaitas do país. Esta peculiar música acompaña os cantos populares primaverais, “levántate maio, que tanto dormiches, xa pasou o inverno e non o sentiches”, ou as coplas de falago ou aldraxe, “estas portas son de ferro, onde vive un cabaleiro”, etc.
A música tradicional tamén acompañaba a vida acotío dos viciños. Así acontecía cos traballos da seitura, de Reis, de berce, de voda, pastores, milicias, romances, etc. A título de exemplo, a ronda de Xestoso, “I eu caseime cun vello pra me fartar de rir, púxenlle a cama moi alta onde non poida subir (…)”.

A GASTRONOMÍA E MAILAS ARTES CULINARIAS

O Bierzo tivo sempre sona culinaria no resto de España. A pequena industria artesanal dos embutidos (botelo, androlla, chourizos…) trouxo o desenvolvemento da gandería porcina e da agricultura pimenteira (Ponferrada, Bembibre…). Tampouco faltan nas nosas mesas as empanadas cheas de todo (coello, acelgas, patacas…) feitas por expertas forneiras. Outros pratos salientables son a cachelada e mailo caldo berciano con berzas, fabes, patacas e lacón. E, ao igual que na Galiza, desfrutamos do polbo á feira con pan do país.
As zonas viñateiras ben saben de produciois de calidade segundo métodos tradicionais (aradas, regos, colleitas, lagares, adegas, podas…) que mesturan tipos de uva e terreo. Nada empece combinar as máis modernas técnicas coa ancestral tradición para mellorar a produción futura ao gusto dos consumidores.

Foto: Mesón el Potaje (Ponferrada)

Foto: Mesón el Potaje (Ponferrada)

COÑECEMENTOS RELACIONADOS COA NATUREZA E MAILO UNIVERSO

O traballo labrego e gandeiro supón moitos coñecementos que non se deberan estragar. Así consta nas diversas formas de cultivo da terra (rozadas, estivadas, aradas, sementeiras, segas, colleitas…). Hoxe o noso refraneiro berciano recompila parte desa sabedoría popular. “Pra que medre ben o pan, sémbrao por S. Froilán (5 de outubro)” e “se plantas o teu horto por S. Martiño (11 de novembro), terás berzas pra ti e pró teu vecín”.
A nosa cabana vacuna tivo a súa especificidade territorial e foi coñecida coma “berciana” polos tratantes nas feiras de Castela. Polo que toca ao porco, o refraneiro recolle moitos consellos. “Por S. Andrés (11 de novembro) hai porcos gordos que vender”. Sen embargo, a premura na matanza do animal non é boa, “o que mata polos Santos, en verán come cantos”.

AS TÉCNICAS CONSTRUTIVAS E ARTESANAIS

As técnicas construtivas xorden nas diversas edificaciois. Distribución das casas (corredor, lareira, adega, soto, corte…), palleiros, cortíns de abellas, horreos, pallozas, etc. Utilización de materiais da contorna (lousa en tellados, madeira en corredores, pedra en muros, barro e palla nas fachadas…), exemplos hoxe de respeito medioambiental. Mención especial para os edificiois comunais, a saber, lagares, muíños, fornos, lavadorios, foxos, fontes, cortellos de lobos, cabanas das brañas e demais.
Os oficios artesanais teñen moito que achegar en relación coa súa peculiar tecnoloxía. Casos dos teitadores das pallozas, canteiros, louseiros, caleiros, tecedoras, etc. Inda hoxe nos abraiamos cos traballos de cestería (cestos, megos, banastas…) e coa fabricación dos utensilios de madeira (paneiras, maseiras, trobos, escanos, etc). Nas festas patronais das nosas vilas e aldeas aínda saen fermosos traxes feitos segundo técnicas tradicionais, algùns deles cos lenzos vellos chamados “Bierzo”.

O APROVEITAMENTO ESPACIAL DO MEDIO NATURAL

O traballo secular da terra polos nosos labregos supón unha sabedoría rural sen igual. Houbo sempre unha especialización agrogandeira do espazo natural. Nas zonas de montaña atopamos as altas brañas arrendadas para ovellas meirinas castelás ou estremeñas durante séculos. Os mellores pastos para o gando vacún (bois e vacas) e mailos peñascais para o caprino. Os cordais interfluviais e os chanos foron dedicados para o terrádego centenais, explotados mediante bouzas ou searas e con períodos de descanso (poulas). As uceiras servian para combustibles caseiros. Máis abaixo, prados de secano e regadío que daban dous pelos por San Xoan e outono. Outras terras eran os soutos de castaños e as devesas de carballeiras, para o subministro tanto de alimento coma de madeiras. Xunta ás aldeas estaban os pequenos leiros de patacas e hortos de todo tipo de hortalizas para o consumo familiar.

Por Xabier Lago Mestre

www.obierzoceibe.blogspot.com

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

La sentencia que anula el acuerdo plenario de la oposición de Viana que pretendía derrocar al alcalde ya es firme

Leer mas →