Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A Agadic promove 120 concertos de todos os estilos en 27 localidades dos seus circuítos profesionais de espectáculos

Por   /  17/08/2015 

    Imprimir       Email

image_gallery (1)A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a celebración de 120 concertos en 27 localidades de toda Galicia como parte da programación semestral da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Un total de 43 grupos e solistas, galegos na súa meirande parte, protagonizan esta nova carteleira musical dos circuítos profesionais de distribución de espectáculos que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en colaboración cos concellos e entidades xestoras dos espazos asociados.

Neste caso, tamén son 43 as salas e auditorios que acollen o devandito calendario de actuacións musicais, abranguendo moi diferentes estilos que van desde o rock ao folk, pasando polo jazz, o blues, a fusión ou a canción de autor, entre outros.

Rede Galega de Música ao Vivo
Dos concertos programados neste segundo semestre do ano, 104 desenvolveranse no seo da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto dedicado á música en directo en salas de pequena ou media capacidade e no que a Agadic achega o 85% dos cachés dos grupos e artistas contratados.

A súa programación musical durante este período esténdese a 30 salas de 20 localidades: A Coruña (BâBâ Bar, Jazz Filloa e Garufa Club), A Laracha (Pub D’Antón), Allariz (Roi Xordo), Baiona (Marrucho), Bueu (Aturuxo), Caldas de Reis (Zona Zero), Cangas (SalaSon), Culleredo (Fórum Celticum), Ferrol (Sala Super 8), Laxe (A Ventana), Lugo (Clavicémbalo), Melide (A Fundación e Pub Gatos), Moaña (Var con Uve), O Barco de Valdeorras (Sala Baranda), O Grove (Náutico), Ourense (Auriense), Pontevedra (Sala Karma), Santiago de Compostela (Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club e Sala Capitol), Vigo (El Contrabajo, El Ensanche, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate e La Iguana) e Vilagarcía de Arousa (Sama Sama Bianco).

Nelas tocarán un total de 31 bandas e solistas de todos os estilos: Agoraphobia, Aló Django Cuarteto, Cool Funeral, David Regueiro Swingtet, Eladio y Los Seres Queridos, Foxy Freire, Gonzalo Arca, Helena Goch, IGMIG, La Banda del Camión, La Tronka Jazz Quartet, Los Mecánicos, Luis Emilio Batallán, Martelo, Odaiko, Os Canívales, Paul Álvarez Trío, ¡Qué Desilusión!, Radio Cos, Radio Pesquera, Sumrrá, Susana Garrido Pombo, Susana Seivane, The Big Lis Gumbo Band, Titruleque, Valentín Caamaño Trío, Vandallica, Villanueva, Weli Kings, Xabier Díaz e Yani Como.

Rede Galega de Teatros e Auditorios
En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e aínda que a súa oferta é maioritariamente teatral, a programación para este segundo semestre de 2015 conta con 14 coñecidos grupos e artistas para realizar 16 concertos en 13 localidades: Alba María en Vigo, Black en Cedeira, Guadi Galego en Vigo, Lulavai en Pontevedra, Mamá Cabra en Ourense, Tui e Vigo, Musicalmente na Coruña, Orquestra de Cámara de Galicia na Rúa, Pres de Cambrai en Ribadeo, Radio Cos no Barco de Valdeorras, Roberto Sobrado en Vilagarcía de Arousa, Seispés en Ames, Susasna Seivane en Narón, The Pinker Tones en Pontevedra e Xoán Curiel en Noia.

Neste caso, a programación está cofinanciada entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e as entidades municipais xestoras dos espazos nunhas porcentaxes que oscilan entre o 40 e o 70 por cento en función do número de habitantes do municipio e do tipo e número de actuacións contratadas.

Máis de 800 citas culturais en 2015
A estas carteleiras musicais engádense, así mesmo, as 282 funcións de teatro, danza, maxia e novo circo que se celebran de xullo a decembro tanto nestes dous circuítos como na Rede Galega de Salas. Estas tres programacións suman 828 citas culturais en 48 concellos galegos durante todo o ano, cifra que supón un incremento do 3,6 por cento nos seus niveis de contratación e investimento respecto ao ano pasado.

O calendario completo de actuacións pode consultarse na sección de axenda do web da Agadic, así como na Axenda Cultural de Galicia da web de Cultura da Xunta.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →