Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A Amtega achega ás entidades do terceiro sector formación práctica para montar unha web con WordPress

Por   /  15/09/2015 

    Imprimir       Email
  • Celébrase o vindeiro xoves 17 no Centro Demostrador TIC en horario de 17.00 a 20.30 horas
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC

AmtegaA Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) celebran este xoves, 17 de setembro a terceira xornada do Programa de Formación en Software Libre para o terceiro Sector que organizan conxuntamente. O Centro Demostrador TIC acollerá o “Monta a web da túa asociación con WordPress” (https://cdtic.xunta.es/wordpress-asociacion) que se desenvolverá en horario de 17.00 a 20.30 horas. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega.

Este seminario céntrase en dar resposta aos puntos máis relevantes que unha asociación debe ter en conta cando planea arrincar un proxecto web en WordPress, como a importancia dunha estratexia de obxectivos; a selección dun dominio e dun aloxamento web a medida das necesidades; a adquisición dun tema adaptado á actividade; os plugins que se deben instalar en función do aliñamento e a consecución dos obxectivos planificados; os posibles cambios organizativos internos da asociación para atender as novas necesidades (xestión e mercadotecnia dixital); a lexislación (LOPD e LSSICE) etc.

Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese xestión de contidos web. Impartirá o curso Jose Ángel Pazos, enxeñeiro técnico en Informática de Xestión que ocupa o cargo de director de proxectos TIC en Intergal, Sociedade Cooperativa Galega.

Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.

Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “Monta a web da túa asociación con WordPress” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega en colaboración con EAPN, Rede Galega contra a Pobreza. Trátase dun total de nove actividades que se impartirán nos vindeiros meses e que están especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.

O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso “Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación” ao que lle sigue o día 15 “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel básico”.

Ao longo do mes de setembro están xa programadas as seguintes xornadas: “Desenvolvemento de portais web con Drupal: nivel avanzado” (22 de setembro) e “Owncloud: comparte os arquivos da túa nube de forma autónoma” (24 de setembro).

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

EAPN Galicia
A Rede Galega contra a Pobreza é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena.

EAPN-Galicia forma parte tamén da European Anti Poverty Network, Rede no nivel europeo que leva traballando de modo independente dende 1990, e está integrada en EAPN España.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →