Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A Axencia Galega das Industrias Culturais adxudica 210.000 euros en axudas a 12 festivais galegos de música

Por   /  30/06/2015 

    Imprimir       Email

Agadic-XuntaA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou onte no seu web a adxudicación dun total de 210.000 euros a 12 festivais profesionais de música, beneficiarios da convocatoria de subvencións dirixida a eventos celebrados en Galicia do 1 de novembro de 2014 ao 31 de outubro de 2015 e organizados tanto por empresas privadas como por colectivos asociativos ou administracións locais.

Con esta liña de axudas, que revalida a súa dotación respecto do ano pasado, a Agadic busca contribuír á consolidación do mapa galego de festivais, considerados estratéxicos para o desenvolvemento das industrias culturais na nosa Comunidade. A súa convocatoria anual, publicada conxuntamente coa dirixida ás mostras de artes escénicas, mantense desde 2012 co obxectivo de articular unha canle estable de apoio aos festivais galegos que permita optimizar os recursos públicos para este tipo de eventos e impulsar a súa maior profesionalización.

Importes outorgados
As contías adxudicadas, resultantes da aplicación dos criterios e baremos establecidos nas bases da convocatoria, oscilan entre os 41.936,57 euros que percibirá o Resurrection Fest de Viveiro e os 3.811,98 outorgados ao Festigal de Santiago de Compostela. Para a súa valoración, os solicitantes debían cumprir os mínimos esixidos nas bases en canto á súa antigüidade (cando menos dúas edicións anteriores), contratación artística (40 por cento do orzamento subvencionable), programación (seis grupos) e entradas de pago (50 por cento dos concertos).

Nunha clasificación por provincias, catro destes eventos teñen lugar na de Pontevedra: PortAmérica Rías Baixas en Nigrán (41.931,20 euros), Festival do Norte na Illa de Arousa (33.692,69 euros), Sinsal Son Estrella Galicia na Illa de San Simón (17.321,78 euros) e Revenidas de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa (13.794,95 euros).

A provincia de Lugo conta con outros catro encontros –xunto co Resurrection Fest, o FIV de Vilalba (7.654,47 euros), o Festival de Jazz&Blues de Ribadeo (6.709,31 euros) e o Festival de Jazz de Lugo (4.927,97 euros)–, mentres que na da Coruña celébranse tres dos festivais subvencionados –Festival da Luz en Boimorto (19.151,33 euros) e Nordestazo Rock de Malpica (6.921,74 euros), ademais do Festigal– e na de Ourense, o encontro restante: Festival Reperkusión (12.146,01 euros).

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →