Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A terceira edición da campaña autonómica de reciclaxe ‘Separemos ben, reciclaremos mellor’ achegouse a máis de 53.000 persoas

Por   /  12/08/2015 

    Imprimir       Email

sogamaO pasado 31 de xullo concluíu a terceira edición da campaña autonómica “Separemos ben, reciclaremos mellor”, unha iniciativa promovida conxuntamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama co obxectivo de fomentar a correcta xestión dos residuos urbanos por parte dos cidadáns galegos e que na súa terceira edición achegouse a 53.232 persoas entre agosto de 2014 e xullo de 2015.

A actividade desenvolvida neste terceiro ano foi precedida por dúas exitosas edicións , que avalan esta actuación, saldándose con case 114.000 persoas atendidas desde finais do ano 2012. A primeira (de setembro de 2012 a marzo de 2013), chegou de forma directa a 16.483 habitantes, a segunda (de xullo de 2013 a xuño de 2014) chegou a 44.244.

Aula móbil
A través de distintos soportes deuse cobertura a unha campaña na que se puxo de relevo o importante papel que desempeña o cidadán, toda vez que cos seus xestos e comportamentos pode posibilitar outra forma de xestionar os residuos. De aí que a mensaxe fundamental de todas as accións despregadas se dirixira cara a instauración de hábitos vinculados ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que, en todo caso, teñen por obxecto fomentar a menor produción de refugallos, o máximo aproveitamento dos produtos e a axeitada separación dos mesmos por tipoloxías, depositándoos nos contedores correspondentes para que sexan reciclados ou valorizados material e/ou enerxeticamente.

A campaña, que estivo apoiada en todo momento por Ecoembes , Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP), chegou coa súa mensaxe a un total de 462 eventos durante a terceira edición. Para isto veu utilizando distintas ferramentas. É o caso da súa aula móbil, dispositivo atendido en todo momento por educadores ambientais especializados, a través do cal se intentou captar a atención dos transeúntes para informalos e asesoralos sobre a importancia que ten a súa activa participación no sistema de cara a reducir o impacto ambiental, económico e social que supón, a día de hoxe, a elevada xeración de lixo, colaborando na súa axeitada xestión e tratamento.

Ademais de recibir as oportunas explicacións, neste punto informativo os veciños tiñan a posibilidade de trasladar os seus comentarios e observacións sobre o sistema de xestión implantado nos seus respectivos concellos. A fin de aglutinar o maior número posible de destinatarios, procurouse que, durante a estación estival, a aula itinerante estivese presente en xornadas de gran transcendencia tales como festas, feiras e mercados. Preto de 14.000 persoas foron asesoradas a través desta modalidade.

A aula nutriuse co xogo xigante da reciclaxe, dirixido fundamentalmente aos nenos para que estes, á vez que se divertían, puidesen reforzar os seus coñecementos na materia, así como cun inchable a través do cal se intentaba familiarizar aos pequenos coa recollida selectiva de residuos.

A iniciativa tamén se centrou cos escolares. Non en van, estivo presente en 286 centros educativos das catro provincias, formando a uns 28.700 alumnos de ensino primario e secundario, que tamén tiveron a oportunidade, xunto co resto dos colexios galegos, de participar nun concurso específico para a elaboración de obras de arte a partir de materiais de refugallo, resultando gañadores o CEIP As Solanas de A Guarda (Pontevedra) e o colexio A nosa Señora da Asunción de Sarria (Lugo).

Outros soportes
Pola súa banda, a campaña estivo presente igualmente en asociacións, interactuando con 1.563 usuarios das mesmas, e ata en varios centros comerciais, chegando a máis de 3.600 consumidores, e eventos deportivos, dando cobertura a máis de 2.800 participantes.

Durante o mes de xullo, os campamentos escolares de verán constituíron igualmente un dos focos de actuación, servindo esta vía para formar a máis de 800 nenos e mozos.

As distintas actuacións complementáronse con visitas ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), cuantificándose en preto de 1.400.

Valoración positiva
A través de enquisas específicas, a poboación galega valorou de forma satisfactoria esta iniciativa, recoñecendo que a selección dos materiais en orixe aínda debe ser mellorada, sobre todo respecto ao contedor amarelo, destinado a acoller os envases de plástico, as latas e os briks.

Considera tamén que a compostaxe doméstica nas vivendas unifamiliares do ámbito rural pode ser unha magnífica alternativa para o tratamento da materia orgánica.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →