Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A Xunta mantén a prealerta por seca hidrolóxica e lembra a conveniencia de moderar o consumo de auga

Por   /  28/07/2015 

    Imprimir       Email

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xuntaA Xunta mantén activada a prealerta por seca hidrolóxica e insta a poboación e concellos a facer un consumo responsable do recurso hídrico e intentar reducir o consumo de auga na medida que sexa posible.

Esta foi unha das decisións adoptadas na reunión da Oficina Técnica da Seca, celebrada hoxe en Augas de Galicia, e na que se está dando conta do seguimento da situación hidrolóxica e meteorolóxica da demarcación Galicia Costa, en aplicación do seu Plan de Seca.

Os indicadores mostran que os niveis de ríos seguen unha tendencia similar á súa situación no pasado mes do xuño; levemente aliviada nalgunhas zonas, polos chuvascos ocasionais rexistrados recentemente. O nivel dos encoros segue sendo suficiente para garantir o abastecemento aos maiores núcleos de poboación. A pesar desta situación, aínda é moi necesario que a poboación realice un consumo responsable, intentado aforrar auga nas actividades cotiáns.

Dende a Oficina Técnica, composta por persoal de Augas de Galicia, Meteogalicia e Medio Rural, ínstase tamén a que os concellos apliquen medidas preventivas e de sensibilización ante a perspectiva de un verán seco.

A previsión a corto prazo é lixeramente favorable, xa que a situación meteorolóxica desta semana será cambiante entre as borrascas e os anticiclóns. Pola información que aporta Meteogalicia agárdanse dous episodios de chuvia o mércores e o venres. A chuvia prevista non é moi cuantiosa, pero si bastante xeneralizada nesas dúas xornadas.

No obstante, a previsión indica que no comezo do mes de agosto terase elevadas probabilidades de ver outro período anticiclónico, seco e soleado; polo que se insiste e incide na necesidade de establecer un consumo responsable do recurso hídrico.

Prevención fronte aos lumes
A escaseza de chuvias incide tamén no incremento do risco de lumes forestais, que é moi elevado ou mesmo extremo en case toda Galicia. Xa que logo, convén extremar as precaucións para evitar os incendios.

Diante desta circunstancia, a Consellería do Medio Rural e do Mar mantén activadas unha serie de recomendacións, entre as que salientan a prohibición de facer fogueiras ou usar utensilios que xeren lume tanto para cociñar como para iluminar. Tamén está prohibido fumar no monte, así como facer lumes ou queimas. A maiores, está limitado o acceso ao monte de persoas e vehículos e é obrigatorio identificarse ante os axentes e pedir autorización para traballar con maquinaria non forestal nin agrícola que poida soltar faíscas.

Por último, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →