Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

A Xunta presenta a Lei do Patrimonio e a Lei do Solo como unha oportunidade para conservar, poñer en valor e dinamizar os Camiños de Santiago

Por   /  19/07/2015 

    Imprimir       Email

image_gallery (1)O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Román Rodríguez e Ethel Vázquez, respectivamente, visitaron a semán pasada o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde presentaron as futuras leis do Patrimonio e do Solo, dous textos lexislativos que se aprobarán esta lexislatura, como unha oportunidade para conservar, poñer en valor e dinamizar os Camiños de Santiago.

Durante o acto conmemorativo da recente declaración das rutas dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial da Unesco, o titular do departamento educativo da Xunta recordou que este fito beneficia directamente a oito concellos da Coruña, o que consolida esta provincia “como un espazo de referencia no eido do patrimonio do máximo nivel mundial”. Precisamente, por Sobrado pasa a Ruta da Costa, que tamén transcorre por Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago. Pola súa banda, Toques e Melide forman parte do percorrido do Camiño Primitivo.

Neste marco, Román Rodríguez recordou o peso relevante que terán os Camiños de Santiago dentro da nova Lei do Patrimonio, que regulará todos os conceptos en torno ás rutas. Segundo dixo o conselleiro, o recoñecemento como Patrimonio Mundial vai revitalizar aínda máis os Camiños do Norte, e vai servir de estímulo económico para os concellos e os pobos polos que pasa. A este respecto apelou ao compromiso de todos por preservar e garantir a calidade dos nosos bens patrimoniais mantendo as actividades humanas que se desenvolven nas súas contornas.

A do solo, unha lei dinamizadora
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que a nova Lei do solo representa unha oportunidade para impulsar os Camiños de Santiago, pois contén “unha verdadeira aposta por dinamizar con garantías” o rural galego polo que transcorre, desde o convencemento de que “non podemos concibir unha Galicia próspera sen un rural vivo”.

Así, explicou que a nova Lei do solo avoga por compaxinar a protección da paisaxe e a esencia do rural galego cun axeitado desenvolvemento que potencie a fixación de poboación, porque “non hai solo máis desprotexido que o que está sometido ao abandono”.

Destacou que o texto normativo harmoniza a lexislación sectorial coa lexislación urbanística, de tal xeito que, en adiante, será a Consellería de Cultura a encargada de establecer as medidas protectoras que se deben aplicar no solo de protección de patrimonio, que é o caso de gran parte do solo que percorre o Camiño de Santiago.

Dese xeito, coa tutela dos técnicos de Patrimonio e coa obriga de redacción dun Plan Especial, a Lei favorecerá o desenvolvemento de novos equipamentos turísticos que contribúan a aproveitar os Camiños como materia prima “dunha industria turística que aposte pola sostibilidade ambiental e facilite o progreso económico”.

Ademais dos dous conselleiros, ao acto tamén asistiron a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →