Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

Artistas internacionais e unha escolma de novo circo galego danlle forma á carteleira que o Festiclown despregará en Vilagarcía do 14 ao 19 de agosto

Por   /  07/08/2015 

    Imprimir       Email

image_gallery (8)

Vilagarcía de Arousa estréase como sede da edición galega do Festiclown, que volve contar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como un dos nove certames escénicos subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A organización do evento presentou hoxe as actuacións que terán lugar nas prazas e rúas da localidade pontevedresa do 14 ao 19 de agosto, coa participación de compañías internacionais como Kanbahiota Troup, Ale Risorio ou MundoMandarina, así como dunha escolma de novo circo galego.

O encontro, que conta tamén co apoio do Concello de Vilagarcía, ofrecerá así mesmo unha ampla programación paralela, que inclúe unha exposición, a proxección do documental ‘Tres miradas, dous obxectivos’, dous obradoiros e unha gala solidaria.

O clown Iván Prado dirixe este festival internacional, que este ano alcanza a súa décimo sexta edición como referente da difusión e innovación das linguaxes do clown e do novo circo, así como do compromiso social. En 2015 repite, ademais, a súa fórmula de ‘multisede’, de xeito que chega a Galicia tras o seu paso por Granada durante esta semana e xa en novembro, cruzará o Atlántico para se presentar en Bogotá (Colombia).

A programación de Vilagarcía dará comezo o venres 14 na praza da Ravella co espectáculo ‘¡Vaya circo!’, que Kanbahiota Troup escenificará ás 22.00 horas. O sábado 15 chegará a quenda da maxia con Dani García, quen no papel de ‘Don Gelati’, se atopará co público na praza de Galicia (12.30 h) e na rúa Rei Daviña (20.30 h). O domingo a actividade trasladarase á praza do Castro con Titereficciós e ‘Cantos contos contas’ (20.30 h).

‘Certame Intergaláctico’
A partir do luns 17 comezará o Certame Intergaláctico, que se desenvolverá ata o mércores na rúa Rei Daviña (esquina rúa da Baldosa) cos espectáculos ‘Alegrativo en comprimidos’ de Ale Risorio (día 17), ‘Laboratorio mágico’ de MundoMandarina (día 18) e ‘Letriska Inmobile’ de Isla Letriska (día 18). As tres formacións actuarán ás 20.00 horas e o público poderá votar para elixir cal delas se converte en gañadora do certame.

O programa do luns completarase co ‘Home orquestra’ de Cé Orquestra Pantasma, que poderá verse ás 12.00 h na praza de Galicia e ás 21.00 h na rúa da Baldosa, así como coa representación de Ale Risorio ás 13.00 h en Daviña. O martes 18 MundoMandarina estará na rúa Castelao (13.00 h) e Os Sete Magníficos Máis Un, na praza da Peixería Vella (21.00 h), mentres que o mércores Isla Letriska ocupará a praza de Galicia a partir das 13.00 h.

Actividade formativa
En canto á programación paralela desta edición, o festival mantén aberto ata o 14 de agosto o prazo de inscrición para os dous obradoiros que ofrecerá en Vilagarcía: Improvisación Clown, impartido polo arxentino Ale Risorio o día 18, e Iniciación ao Clown, a cargo do galego Fran Rei o día 19. Ambos terán unha duración de oito horas e as persoas interesadas poden apuntarse na páxina web www.festiclown.org, no teléfono 981 582 836 o no mail info@festiclown.org.

Este festival internacional destaca, así mesmo, pola súa faceta de compromiso social, no marco da que a praza da Peixería Vella acollerá o mércores 19 unha gala benéfica a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía co fin de recadar fondos para as actividades solidarias do Festiclown.

As actividades paralelas inclúen tamén a exposición que abrirá ao público desde o venres 14 no sala de conferencias do Auditorio Municipal sobre os Festiclown celebrados en Palestina, mesma temática arredor da que xira o documental ‘Tres miradas, dous obxectivos’, que se proxectará nese espazo o mércores 19, ás 12.00 h.

Esta sección complementarase co espectáculo teatral de animación á lectura ‘A historia de Brancaflor’, protagonizado por Fran Rei (Salón García, día 18, ás 12.00 h).

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →