Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

Galicia está a tratar a máis de 1.200 pacientes de hepatite C no marco do plan estratéxico do Sistema Nacional de Saúde

Por   /  20/08/2015 

    Imprimir       Email

SERGASUn total de 1.230 casos de hepatite C están a ser tratados en Galicia -baixo criterio clínico- dende o 1 de abril deste ano, día de inicio da aplicación dos criterios de indicación e seguimento aprobados no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para o tratamento da hepatite C.

Así llo comunicou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares, a representantes das asociacións galegas de pacientes desta patoloxía nunha xuntanza mantida esta mañá na sede da Consellería de Sanidade, na que tamén lles facilitaron datos dos tratamentos en función da gravidade, e do que Galicia leva adicado a estes tratamentos a 30 de xuño, cifra que ascende a 37,4 millóns de euros.

Total cumprimento de prazos
Ares indicou que hai 1.230 pacientes a tratamento e deles máis do 43% corresponden aos casos máis graves (F4 e cirroses); arredor do 25% corresponden ao nivel F3; algo menos do 25% corresponden ao nivel F2; e o resto corresponden ás situacións excepcionais contempladas no Plan Estratéxico. Deste xeito se cumpre en tempo e forma cos prazos establecidos no devandito Plan.

O pasado día 1 de abril comezáronse a comercializar os tres novos fármacos aprobados para o tratamento desta doenza, que están dispoñibles para a súa indicación directa, segundo criterios clínicos, por parte dos médicos correspondentes. Deste xeito, Galicia mantén a garantía de tratamento a todos os pacientes que teñen esta enfermidade e que cumpren cos criterios establecidos polo Consello Interterritorial para o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Rexistro dende o primeiro día
O Servizo Galego de Saúde ten operativo o rexistro dende o mesmo día da posta en marcha do plan, o 1 de abril, a plataforma web VIXÍA HC. Esta permite a incorporación automática de todos os datos administrativos dos pacientes a tratar e tamén incorporar de forma homoxénea todos os datos clínicos necesarios para a indicación dos novos tratamentos da hepatite C.

Ademais, permite ir desenvolvendo un rexistro on-line de forma automática, e seguir a trazabilidade dos tratamentos, así como a explotación de calquera parámetro de tal forma que, ademais de dar cumprimento ao establecido no Plan Estratéxico, permite facer seguimento e valoración prospectiva dos resultados de cada tratamento iniciado. Os datos son, así mesmo, volcados no rexistro nacional que se establece coa entrada en vigor do Plan Estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde.

Galicia xa trataba antes do Plan
Máis aló da aplicación do Plan, Galicia xa estaba a tratar aos pacientes de Hepatite C con todos os novos fármacos dispoñibles en cada momento, e de feito antes da entrada en vigor do Plan xa se tiñan tratado ou se estaban a tratar a máis de 1.100 pacientes cos considerados novos fármacos.

Na xuntanza falouse tamén, a petición das asociacións de pacientes, da situación do tratamento dos reclusos afectados por esta doenza. Dende o Servizo Galego de Saúde aclarouse que a situación é a mesma que para o resto de patoloxías con tratamentos ambulatorios: a prescrición fana facultativos especialistas do Sergas e a dispensación faise dende Institucións Penintenciarias.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →