Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

‘O galego campa!’ segue a dinamizar a lingua galega na mocidade nos campamentos de verán da Xunta de Galicia

Por   /  05/08/2015 

    Imprimir       Email

image_gallery (2)‘O galego campa!’, o programa dirixido á mocidade participante nos campamentos de verán da Xunta de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude segue a dinamizar a lingua galega durante o mes de agosto, no que chegará, desde mañá, a outros oito campamentos por medio de xincanas lingüísticas e contacontos, da man de Falcón Branco. Na quinta edición do programa, que se desenvolve desde xullo, participan un total de 1193 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos durante o verán.

A nova entrega de ‘O galego campa!’ amplía as súas propostas de promoción do uso do galego na xente nova con respecto aos anos anteriores e inclúe como novidade un repositorio dixital de materiais e actividades dinamizadoras dirixidas ao monitorado do tempo libre que xa está accesible desde os webs institucionais www.lingua.gal e www.xuventude.net.

As actividades chegarán ata mediados de mes aos campamentos xuvenís Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), Mariña Española (Bergondo, A Coruña), Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo) e á Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense). Neles están a participar arestora 534 rapaces e rapazas.

Seis xincanas lingüísticas
‘Galicia, terra de artistas’ é a denominación da nova xincana lingüística que está a chegar desde o pasado mes aos campamentos de verán da Xunta de Galicia, unha proposta baseada en xogos e probas que combinan as habilidades física, lingüística e intelectual para achegarlle á rapazada a lingua por medio da canción, da poesía ou do teatro e para dar a coñecer os persoeiros máis ilustres, os fitos máis importantes ou os feitos máis senlleiros da nosa propia historia.

Logo do seu paso polos campamentos Xuvenil Espiñeira (Boiro, A Coruña) e As Sinas (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), chegará neste mes aos da Mariña Española (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense) e á Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense).

Doce actividades de contacontos
Paralelamente, o Consello de Galegos Ilustres (integrado polos dinamizadores Brais Fernandes e Xavier Mugardos) levarán ata mediados de agosto os seus contacontos en formato acústico de guitarra e voz “Historia máxica de Galicia”, “Xan e Perillán”, “Visita do Consello de Galegos Ilustres” e “Rosalía, unha meniña” aos campamentos Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), Mariña Española (Bergondo, A Coruña), Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo) e á Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), logo de pasaren durante o mes de xullo polos campamentos xuvenís Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra), Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) e Area (Viveiro, Lugo).

Repositorio dixital de materiais para traballar lingua, tempo libre e mocidade
Alén das sinaladas actividades presenciais de dinamización lingüística nos campamentos e na liña das primeiras edicións do programa, nas que se distribuíron e se ofreceron en aberto xogos de fichas de actividades e o disco ‘Desaparafusador de gominola’ e se incluíu formación específica de dinamización lingüística para directores de campamento e monitorado, ‘O galego campa! 2015’ ofrece desde os webs www.lingua.gal e www.xuventude.net un novo repositorio dixital de materiais e propostas específicas para traballar lingua, mocidade e tempo libre, pensadas para o monitorado con descarga libre e de balde.

Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16
‘O galego campa!’ desenvolve, no marco do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-16 deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha das 11 medidas que teñen por obxectivo o fomento da lingua galega entre a xente nova nos diferentes ámbitos sociais, ao tempo que lle dá cumprimento ás directrices da Lei de Xuventude de Galicia (2012) e ás do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →