Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

O Plan Renove de lousa, granito e tella impulsa 260 proxectos

Por   /  05/01/2016 

    Imprimir       Email
  • Mobilizan máis de 5 millóns na mellora enerxética das vivendas galegas
  • A resolución, que vén de publicarse onte no Diario Oficial de Galicia, ten beneficiado a propietarios e comunidades de veciños facilitando a renovación de cubertas con lousa e tella, e a rehabilitación con granito ou lousa das fachadas de edificios
  • As actuacións intégranse non Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas, posto en marcha o ano pasado para beneficiar a 3.000 fogares galegos
  • Os proxectos diminúen o gasto enerxético nas construcións, co conseguinte aforro económico, ao tempo que se impulsa a dinamización dos sectores implicados e da construción
  • O programa, que ten en marcha unha nova convocatoria, se enmarca nas actuacións desenvolvidas nos últimos anos para o impulso destes sectores, con máis de 10 millóns para a mellora competitiva, a innovación e o incremento da seguridade

Tejado de pizarraA Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver, por segundo ano consecutivo un Plan Renove conxunto de lousa, granito e tella que impulsa a competitividade dos sectores promovendo a mellora da eficiencia enerxética das vivendas galegas. Así, a través deste programa, cuxa resolución vén de publicarse onte no Diario Oficial de Galicia, o Goberno galego impulsa 260 proxectos que mobilizan máis de 5 millóns de euros e contribúen a diminuír o gasto enerxético nos fogares galegos, acadándose deste xeito un importante aforro económico.

Neste sentido, cómpre salientar que a actuación enmarcouse no desenvolvemento do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas, posto en marcha o ano pasado para beneficiar a 3.000 fogares galegos, e que xunto a esta iniciativa promoveu outro tipo de medidas como a implantación de fiestras ou caldeiras máis eficientes ou a instalación de equipos de xeotermia, solar térmica e aerotermia.

Os beneficiarios desta resolución contan con apoios de ata o 40% do custo subvencionable por proxecto. Estes custos son, no caso da lousa, dun máximo de 70 euros por metro cadrado de cuberta ou de fachada; de 55 euros para a tella cerámica; e de 110 a 140 euros por metro cadrado en función do tipo de fachada de granito. As actuacións inclúen, ademais dos materiais, o desmontaxe das cubertas ou envolventes existentes segundo o caso, e a montaxe das novas, así como os proxectos de arquitectura ou enxeñaría necesarios e os custos de licenzas.

Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a traballar na dinamización dos sectores da lousa, o granito e a tella, ao tempo que se impulsa o sector da construción ao incrementar a demanda e instalación destes materiais, e se apoia ás familias galegas na renovación das cubertas e fachadas dos edificios de vivendas empregando materiais de alta calidade. De feito, estes materiais posúen importantes características que fan deles elementos de gran calidade para o seu uso nas cubertas e fachadas de edificios, contribuíndo así á redución dos consumos enerxéticos.

Neste sentido, cómpre salientar que xa está en marcha unha nova convocatoria para este ano, co obxectivo de dar continuidade aos bos resultados acadados ata o de agora, e que se enmarca no conxunto de actuacións que está a desenvolver o Goberno galego. Así, nos últimos anos téñense destinado máis de 10 millóns de euros ao impulsa da mellora competitiva e á innovación, incentivando e facilitando a investigación; colaborando cos clusters empresariais e os centros tecnolóxicos, que realizan unha importante labor de I+D+i; ou promovendo accións encamiñadas á mellora da seguridade e saúde laboral destes sectores.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →