Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Galicia  >  Artículo Actual

Outono cálido e moi seco

Por   /  17/12/2016 

    Imprimir       Email
  • O informe climatolóxico de Meteogalicia cualifica o outono como unha estación ‘cálida’, con valores medios de 12ºC
  • O documento, que xa se pode consultar na páxina web, establece que a única excepción foron puntos das comarcas da Coruña, Bergantiños e Terra de Soneira, con temperaturas por debaixo dos valores normais
  • Pola contra, os valores máis altos rexistráronse na comarca de Vigo e nalgúns puntos limítrofes
  • En canto ás precipitacións, o outono foi considerado “moi seco” debido aos datos contabilizados en outubro, xa que setembro e novembro acadaron valores normais

 

O informe climatolóxico de Meteogalicia referente ao outono –de setembro a novembro- cualifica esta estación como “cálida”, logo de acadar unha temperatura media de ao redor de 12ºC, 0,42ºC máis que os valores medios habituais desta época do ano. Trátase dun valor moi próximo á anomalía detectada en outono de 2015, que foi lixeiramente máis cálido. A causa principal desta variación foron as temperaturas máximas, xa que as mínimas resultaron normais.

O documento, que xa se pode consultar na páxina web www.meteogalicia.es, explica que no outono destacaron os episodios de situacións anticiclónicas, con temperaturas máximas altas no mes de setembro, que mesmo superaron os 40ºC en moitas localidades, unha tendencia que continuou en certa medida no mes de outubro. Novembro, aínda que lixeiramente frío, non foi suficiente para compensar os outros dous meses cálidos. Foi tamén en novembro cando empezaron as primeiras nevaradas do outono, contabilizándose ata 10 días nos que nevou nalgunha localidade galega.

A anomalía á alza das temperaturas rexistrouse en toda Galicia, coa excepción dalgunhas zonas das comarcas da Coruña, Bergantiños e Terra de Soneira, que estiveron por debaixo dos valores normais para a estación, como xa sucedera no verán. As zonas con variacións positivas máis altas –por riba dos 2ºC sobre a temperatura media- foron as comarcas de Vigo e Baixo Miño.

Precisamente, a comarca de Vigo e algúns puntos limítrofes presentaron tamén as temperaturas máis altas do outono, con valores próximos aos 17ºC, fronte aos 12ºC de media na comunidade autónoma. No outro extremo, cos termómetros máis baixos (en torno aos 7ºC de media) situáronse as zonas de alta montaña ourensá como Cabeza de Manzaneda e Pena Trevinca.

Precipitacións

En canto ás precipitacións, o informe considera o outono de 2016 como “moi seco”, cunha chuvia rexistrada ata un 33% inferior aos valores normais, a porcentaxe máis baixa desde 2007. O informe detecta moi poucas zonas con precipitacións por riba das normais. As variacións máis altas déronse principalmente no nordeste, con valores un 40% máis altos que os medios. Pola contra, os lugares máis secos encontráronse en zonas do sur da Coruña e do sueste, nas que choveu un 60% menos do habitual.

Neste caso, foi o mes de outubro o que presentou valores de precipitación inferiores aos habituais, xa que setembro e novembro foron considerados normais. De feito, aínda que en setembro só se rexistraron dous episodios, a precipitación foi tan abundante que resultou suficiente para considerar o mes completo normal en canto á precipitacións.

O valor medio de precipitación para o conxunto de Galicia foi de 280 L/m2. Os valores máis altos rexistráronse na provincia de Pontevedra e suroeste da Coruña, con cifras que chegaron aos 526 L/m2 en Fornelos de Montes. Os rexistros máis baixos foron no sueste da comunidade, onde puntualmente se acadaron valores por debaixo dos 100 L/m2.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →