Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

A misión empresarial USA-Ourense tamén contará coa Cámara de Comercio de Atlanta

Por   /  02/03/2016 

    Imprimir       Email
  • A Cámara de Comercio de Atlanta súmase á misión empresarial USA-Ourense
  • Promoverá entre os seus asociados as oportunidades de negocio existentes na provincia de Ourense
  • Manuel Baltar reuniuse onte en Madrid co vicepresidente desta institución cameral, Jorge Fernández, responsable de desenvolvemento en Europa Asia e Latinoamérica, e alto executivo de Delta Air Lines

0 0 MB e JF mar16

 

A misión empresarial USA-Ourense que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, está a promover co Goberno dos Estados Unidos, co obxectivo de impulsar as relacións entre empresas de USA e Ourense en sectores que favorezan sinerxias e creación de emprego na provincia ourensá, tivo onte un novo pulo coa confirmación por parte da Cámara de Comercio de Atlanta de sumarse á iniciativa empresarial proposta por Manuel Baltar.

Así llo confirmou a Baltar o vicepresidente da Cámara de Comercio de Atlanta, Jorge Fernández, na reunión que ambos mantiveron onte en Madrid, na sede da Fundación Democracia e Goberno Local, da que Manuel Baltar forma parte no seu Consello de Dirección. Jorge Fernández, experto en comercio internacional, alto executivo da empresa aeronáutica Delta Air Lines e responsable de desenvolvemento da Cámara de Comercio de Atlanta en Europa, Asia e Latinoamérica, considera que a iniciativa de Manuel Baltar “é unha interesante proposta para analizar e concretar oportunidades de negocio entre empresas de Estados Unidos e a provincia de Ourense, un territorio moi vencellado a América polas súa condición de pobo emigrante”, afirmou.

Fernández destacou no encontro con Baltar que o feito de que o Goberno USA e a Cámara de Comercio de Washington teñan avalado xa esta iniciativa de internacionalización de empresas “supón un paso moi importante e significativo, tendo en conta o grande volume de negocio que os diferentes sectores empresariais norteamericanos moven no mundo”. Por elo, entende o vicepresidente da Cámara de Atlanta, “esta é unha proposta na que queremos estar porque o espírito emprendedor é algo innato nos empresarios, e explorar novos mercados sempre resulta produtivo e fascinante”.

Pola súa banda, Manuel Baltar agradeceu a receptividade coa que Jorge Fernández acolleu a proposta de relacións empresariais USA-Ourense e destacou que os principais sectores que analizarán os grupos de traballo cara as reunións da misión, previstas para o vindeiro mes de xuño, son os de Agroindustria, Termalismo, Tecnoloxías e Infraestruturas, Automoción, Turismo e Espazos Naturais. “Trátase –explicoulle Baltar a Fernández- de promover alianzas de empresas e acordos comerciais entre compañías privadas americanas e ourensás, e tamén de achegar oportunidades para que empresas de Estados Unidos expandan a súa base de mercado na provincia de Ourense, facilitando servizos de matchmaking (oportunidades de negocio) para que as compañías USA poidan asociarse con empresas locais, ademais de introducir produtos americanos en Ourense e viceversa”.

Baltar e Fernández abordaron tamén outros temas de ámbito internacional, principalmente no que atinxe á cooperación entre diferentes administracións, con motivo da recente elección de Manuel Baltar como membro do Consello Mundial de Cidades e Gobernos Locais Unidos, da FEMP, un organismo que representa no ámbito mundial aos gobernos locais autónomos e ten como obxectivo promover a cooperación e apoio a municipios e gobernos locais intermedios para desenvolver iniciativas innovadoras de ámbito global aplicadas á realidade de cada territorio e a prol da cidadanía.

Atlanta, sede mundial de grandes compañías

A importancia que ten a Cámara de Comercio de Atlanta reflíctese en que esta cidade, capital do estado de Georgia, conta co aeroporto co maior volume de pasaxeiros do mundo, e cunha área metropolitana que supera os cinco millóns de habitantes. Ademais, cun ingreso bruto de 270 000 millóns de dólares, a economía de Atlanta esta clasificada no posto número 15 entre as cidades do mundo e no sexto posto nos Estados Unidos.

En Atlanta, que acolleu os Xogos Olímpicos de 1996, teñen as súas sedes mundiais as empresas The Coca-Cola Company, AT&T Mobility e Delta Air Lines, sendo tamén a cidade coa terceira maior concentración de empresas da “Fortune 500” (lista da revista “Fortune” relativa ás 500 maiores empresas estadounidenses), e tamén acolle máis do 75 % das compañías “Fortune 1000” na súa área metropolitana.

Manuel Baltar afirma que esta misión comercial establecida inicialmente entre Washington, Atlanta e Ourense “supón unha excelente oportunidade para que o mercado estadounidense coñeza o potencial e as singularidades da provincia de Ourense e das súas empresas, moitas delas líderes europeos nos seus sectores”. “O obxectivo final –subliña o presidente- é favorecer a competitividade e o crecemento económico na nosa provincia e que investidores doutros países vexan a Ourense como unha terra de oportunidades”.

Páginas: 1 2

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →