Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

A Deputación de Ourense entregou hoxe os premios do 2º concurso escolar sobre 34º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia, cuxo lema era “O recoñecemento dunha nacionalidade histórica”

Por   /  06/04/2015 

    Imprimir       Email

Entrega dos premiso do 2ºConcurso escolar sobre o Estatuto para Galicia  

A Deputación de Ourense conmemorou hoxe o 34º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia nun acto celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” no que a institución provincial entregou os premios do 2º concurso escolar organizado para homenaxear a norma institucional básica galega. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do goberno en Ourense, Roberto Castro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.

Manuel Baltar dixo que con este acto “en Ourense lembrámonos dos 34 anos da norma institucional básica de Galicia, e é bo facelo porque significa conmemorar 34 anos de autogoberno e desenvolvemento da nosa terra”. “E precisamente facemos fincapé –subliñou o presidente- nesta segunda edición do concurso escolar no feito de que o Estatuto recoñece a Galicia como nacionalidade histórica, algo que conseguimos entre todos, pois do Estatuto nacen as institucións autonómicas de autogoberno, sinaladamente o Parlamento e a Xunta de Galicia, e da mesma maneira que en España conmemoramos a data da Constitución tamén en Galicia debemos lembrar e homenaxear a nosa norma institucional básica”.

Con este acto, o único organizado en Galicia para conmemorar esta efemérides, a Deputación de Ourense quere lembrar neste 34 aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia (Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril), o día histórico que supuxo para a Comunidade Autónoma de Galicia a aprobación da norma que regula o autogoberno da nosa nacionalidade histórica.

Con este evento a Deputación de Ourense quere destacar “a importancia e máxima vixencia do noso Estatuto, pois é un modelo que trouxo importantes conquistas en materia de autogoberno e que permite que o pobo galego siga progresando a prol do seu benestar no marco do pluralismo, a concordia e a democracia”, afirmou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial agradeceu aos alumnos, profesores, e aos pais dos nenos e nenas o seu interese por participar nesta importante data, e tamén ao coro do Colexio Padre Feijóo-Zorelle, que interpretou como peche do acto por primeira vez o Himno de Ourense cantado por un coro infantil.

Premiados

O xurado do 2º Concurso escolar sobre o Estatuto de Autonomía para Galicia, presidido polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, concedeu premios a traballos de debuxo e redacción a alumnos de Educación especial, Infantil, Primaria e Secundaria pertencentes aos colexios Sagrado Corazón (O Carballiño), Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e ao Centro Especial do Pino (Ourense). En Educación Especial, Infantil e Primaria os premiados foron Ezequiel Salazar Montoya, Juan Manuel Fernández Vázquez, Santiago Afonso Rodríguez, Claudia Méndez Fernández, Elena Dameá Fernández, Carlota Fernández Conde e Paula Gómez Valencia. En ensino Secundario os premiados foron Isabella Erlania Pereira da Silva, Marta Castro Soto e María Crespo Dacosta.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →