Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

A Deputación de Ourense puxo en marcha 45 actuacións innovadoras nos 104 primeiros días de goberno

Por   /  26/10/2015 

    Imprimir       Email
  • Manuel Baltar fixo hoxe balance desta primeira etapa do mandato 2015-2019 destacando como folla de ruta a filosofía do Plan OU92 e as novas estratexias do Plan Ourense 15-19, baseadas na transparencia, a innovación, a xestión económica e a participación cidadá.
Manuel Baltar e Pablo Pérez

Manuel Baltar e Pablo Pérez

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo hoxe balance dos 104 primeiros días de goberno provincial do mandato 2015-2019, destacando que neste tempo, cando leva transcorrido o 6 % do tempo da lexislatura, puxéronse en marcha 45 actuacións innovadoras, 9 delas incluídas no Plan Ourense 15-19, o que supón o 12 % das medidas incluídas no dito plan.

Baltar, quen compareceu acompañado polo Deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, remarcou como folla de ruta a filosofía continuista do Plan OU92 e as novas estratexias que abrangue o Plan Ourense 15-19, baseadas na transparencia, a innovación, a xestión económica, o “goberno verde” e a interacción coa cidadanía, “sempre afondando nas singularidades que ofrece a nosa provincia, o que temos que potenciar para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar”, explicou.

No que atinxe a “Xestión e innovación institucional”, o presidente do goberno provincial destacou que neste tempo levouse a cabo a aprobación dos orzamentos de 2016 no mes de setembro, un feito que non se produciu en ningunha outra administración, así como a posta en marcha do Consorcio Provincial de Incendios, a creación da Área de Transparencia e Goberno Aberto, a edición do Manual do Deputado e Deputada, e a primeira acción formativa para cargos públicos locais electos. Tamén destacou os plans de apoio á Natalidade, a Actividades da Mocidade e á Empregabilidade Local, e tamén se levou a cabo a reorganización das Comisións no que atinxe á denominación e funcionamento.

Identidade, Coñecemento e Deporte

No apartado de “Identidade, Coñecemento e Deporte”, Manuel Baltar destacou que nestes 104 deuse a coñecer o premio Ourensanía 2015, desenvolvéronse actividades culturais como o “Cinema de Verán”, coa proxección do filme “A última viaxe do afiador”; incrementouse a colaboración co Festival de Cine de Ourense, e emitiuse un comunicado en lembranza dos 79 anos da morte de Alexandre Bóveda. Asemade, púxose en marcha un proxecto musical de “Termalismo solidario”, no que a Deputación de Ourense colabora conxuntamente coa Cruz Vermella, Termatalia, o colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, o compositor Alejandro Abad e balnearios de 15 países de todo o mundo, en favor dos nenos refuxiados de Oriente Medio e Europa.

No ámbito académico, o presidente da Deputación de Ourense foi convidado a intervir no acto inaugural do Curso Académico 2015-2016 da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense; e recibiu a visita do presidente da Academia Arxentina das Letras, subliñando neste apartado a designación por unanimidade do escritor Luís González Tosar como académico correspondente nesta institución. Asemade, destaca a sinatura entre a Deputación de Ourense e a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago dun convenio de colaboración para que os alumnos poidan realizar prácticas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Manuel Baltar destacou tamén que neste período impulsouse o “Termalismo deportivo” coa estadía da selección australiana de remo no centro de adestramento de remo de Laias; asinouse a cesión do Pazo dos Deportes “Paco Paz” ao Club Ourense Baloncesto, e tivo lugar o acordo para que a “Vuelta a España” saia da provincia de Ourense, feito que acontece por primeira vez na historia desta proba ciclista mundial e que terá lugar en agosto de 2016.

Relacións institucionais

Con respecto ás “Relacións institucionais” o presidente provincial salientou o a celebración do primeiro Cumio de Alcaldes e Alcaldesas de Ourense; a posta en marcha do Comité de Cooperación Permanente entre Deputación e Concello de Ourense; a cooperación e asistencia aos concellos da provincia en materia de Transparencia e Goberno Aberto, e a rede interprovincial de comunicación e experiencias de xestión que puxeron en marcha as deputacións de Ourense e Zamora. Neste apartado, Baltar subliñou tamén as reunións que mantivo co presidente da Xunta de Galicia e co Goberno de España, referida esta ao comité de integración do AVE na provincia e na capital de Ourense, e destacou o incremento do Plan de Cooperación Municipal, avanzando que a finais desta lexislatura o que cada concello recibe por este concepto ascenderá a un total de 60.000 euros.

Economía provincial

No apartado de “Economía provincial” o balance do presidente sobre os primeiros 104 días de goberno centrouse nas importantes actuacións que a Deputación impulsou nos ámbitos da innovación tecnolóxica, a promoción do turismo e a competitividade empresarial. Así, destacou iniciativas como a do “Cluster do Viño”, “O museo do Viño” e a tecnoloxía de vangarda implementada no CRDO Ribeiro na vendima deste ano; a distinción da Veiga como destino Starlight, para potenciar o turismo astronómico; a celebración da Feira Termatalia 2015 e as xestións que se seguen a realizar para acadar a designación da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Asemade, no eido empresarial houbo neste período importantes iniciativas impulsadas e apoiadas pola Deputación de Ourense como foron a creación por parte da CEO da Oficina de Atracción de Investimentos; o impulso da “Marca Ourense”, coa colaboración tamén da CEO; a celebración do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas, cuxo nacemento e desenvolvemento ao longo destas cinco décadas está plenamente ligado á Deputación de Ourense, e o cumio empresarial que reuniu na estación de Montaña de Manzaneda a destacados empresarios de Ourense co presidente provincial.

Posicionamento do goberno provincial

No apartado de “Posicionamento do goberno provincial”, Manuel Baltar destacou nestes 104 días as intervencións en foros como o South Summit, a maior feira de empredemento do mundo; a conferencia que ofreceu no Forum Europa Tribuna Galicia, e recentemente a intervención no Seminario internacional de boas prácticas na gobernanza, celebrado en Curitiba (Brasil), onde o presidente foi convidado para expoñer o seu modelo de xestión, administrativo e de servizos, que desenvolve a Deputación na provincia de Ourense, relatorio no que tamén se expuxeron os modelos dos territorios de Toronto e Bos Aires. Precisamente, neste marco, Manuel Baltar asinou un acordo de colaboración cos gobernos de Brasil e do Estado de Paraná, e un protocolo co goberno da Região Metropolitana de Curitiba.

Finalmente, o presidente provincial deu conta do premio “Patrimonio 2015” pola recuperación da Cidade Vella de Manila, proxecto no que participou a Deputación de Ourense a través de Cooperación Internacional; e da súa incorporación á Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e ao Consello político de Partenalia, o organismo que engloba a gobernos locais intermedios de Europa.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →