Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

A provincia de Ourense incorpórase a EHTTA, Asociación Europea de Cidades Termais Históricas

Por   /  21/10/2016 

    Imprimir       Email
  • A provincia de Ourense, entre os principais destinos termais de Europa
  • A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas aprobou a incorporación da provincia a esta organización, que integra a 40 membros de 13 países, entre os que figuran destacados territorios termais como Baden Baden, Bath, Budapest ou Vichy
  • “Formar parte da rede termal máis importante de Europa favorecerá de maneira determinante o posicionamento, a promoción e a difusión das singularidades do noso termalismo e da “marca Ourense”, explicou Manuel Baltar na asemblea xeral do organismo, celebrada en Salsomaggiore (Italia)
  • A asociación felicitou ao presidente da Deputación de Ourense polo labor que realiza na potenciación da riqueza termal da provincia por medio do plan “Ourense, a provincia termal” e pola documentación presentada na candidatura, na que se inclúe un estudo dos valores históricos, termais, culturais e turísticos da provincia ourensá

 

salsomaggiore

 

A Asemblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), reunida en Salsomaggiore (Italia), aprobou o ingreso da provincia de Ourense en dita organización, “o que supón un pulo importante para a internacionalización do noso termalismo e da “marca Ourense”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no decurso do acto. Baltar agradeceu á asociación a aprobación da candidatura da provincia de Ourense porque, dixo, “formar parte da rede termal máis importante de Europa favorecerá de maneira determinante o posicionamento, a promoción e a difusión das singularidades do noso termalismo e da “marca Ourense”.

Pola súa banda, os directivos da asociación felicitaron ao presidente da Deputación de Ourense polo labor que realiza na potenciación da riqueza termal da provincia por medio do plan “Ourense, a provincia termal” e pola documentación presentada na candidatura, na que se inclúe un estudo dos valores históricos, termais, culturais e turísticos da provincia ourensá.

A adhesión a Asociación europea de cidades históricas termais enmárcase dentro das actuacións contempladas no Plan Termal, que contempla entre as súas medidas a participación en redes e establecemento de alianzas. Deste xeito, a provincia de Ourense entra a formar parte dunha organización na que xa están presentes 40 membros de 13 países, e na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Precisamente, no pleno do pasado mes de abril a Corporación Provincial aprobou a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades Termais Históricas. Previamente á aprobación de hoxe por parte da asemblea xeral, o comité executivo deste organismo, reunido en París en maio, coa presenza de Mario Crecente, redactor do plan “Ourense, a provincia termal”, xa ditaminara a aprobación da candidatura ourensá.

“A nosa auga como embaixadora”

Manuel Baltar afirma que este nomeamento “supón un paso importante na promoción da “marca Ourense”, como vimos facendo desde o goberno provincial nos ámbitos do turismo, o termalismo, a economía, o deporte e a cultura, cunha visión integral de provincia, na que destaca tamén que somos a capital da eurorrexion Galicia-Norte de Portugal”. Segundo o presidente provincial “o termalismo, a nosa auga como embaixadora, é unha singular vía de internacionalización para a provincia, como o ven de corroborar o feito de que Ourense será distinguida como a primeira provincia “Destino Turístico Intelixente”.

O presidente da Deputación considera “básico” posicionar á nosa provincia aplicando a innovación na xestión do sector turístico, “promovendo á vez o emprendemento e a internacionalización para potenciar as singularidades do noso territorio, como xa fixemos recentemente coa primeira misión USA-Ourense certificada polo Goberno dos Estados Unidos, ou mesmo ao ser convidados ao foro internacional de Curitiba (Brasil), onde expuxemos o noso proxecto de “Provincia Intelixente” xunto a territorios como Bos Aires ou Toronto”.

Asemade, o presidente lembra que a Deputación de Ourense forma parte de Partenalia, a asociación europea de gobernos locais intermedios, organismo do que Manuel Baltar é vicepresidente, e desde onde defendeu días pasados en Bruxelas o protagonismo que deben ter as provincias de Europa, “que son os territorios máis achegados aos cidadáns desde o punto de vista administrativo, e a nosa fortaleza radica en impulsar proxectos integradores, innovadores e de cooperación iguais para todos os cidadáns, residan onde residan”.

A EHTTA é a organización responsable do Itinerario Cultural Europeo de Cidades Termais Históricas: todos os seus membros, cidades e rexións, comprometidos co turismo de saúde e benestar, comparten un patrimonio histórico e cultural vinculado aos seus mananciais termais. A misión desta organización é impulsar, protexer e promover a cultura termal en Europa.

A rede foi creada no ano 2009 en Bruxelas e na actualidade está integrada por 40 membros de 13 países, incluíndo destinos como Vichy (Francia), Baden Baden (Alemaña), Bath (Reino Unido), Ourense (España), Montecatini Terme (Italia) e tamén Budapest (Hungría), Daruvar (Croacia), Caldas da Rainha (Portugal) e Loutra Pozar (Grecia).

Entre os seus obxectivos figuran o recoñecemento diante das institucións comunitarias do potencial innovador e cultural do termalismo para o desenvolvemento turístico europeo, fomentando os desprazamentos intencionais baixo a marca «Destino Europa», e tamén promove o desenvolvemento das vilas termais, a protección do seu patrimonio histórico-cultural e arquitectónico, así como o intercambio de experiencias e boas prácticas no ámbito termal.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

Papá Noel conectará a través de videoconferencia con mais de 1.600 nenos e nenas

Leer mas →