Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

Cen mil euros para a creación dunha rede de espazos culturais e Medalla de Ouro para ‘Los suaves’

Por   /  27/05/2016 

    Imprimir       Email
  • A Deputación de Ourense pon en marcha unha rede de espazos culturais para fomentar a música e as artes escénicas na provincia
  • O pleno da Corporación Provincial, celebrado hoxe, aprobou tamén a concesión da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense aos integrantes do grupo musical “Los Suaves”, como homenaxe e recoñecemento do pobo ourensán a toda unha longa traxectoria musical
  • A sesión plenaria aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais de España, adscrita á Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias

O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de maio de 2016 aprobou hoxe as bases reguladoras do programa da Deputación de Ourense cos concellos, para a creación e o cofinanciamento dunha rede de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial para o presente ano 2016. Para a posta en marcha da dita rede a Deputación de Ourense destina un orzamento de 100.000 euros.

A finalidade é cofinanciar e cooperar conxuntamente cos concellos no fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, mediante a constitución dunha rede de espazos culturais (auditorios, casas de cultura e centros multiusos) da provincia de Ourense, establecendo así mesmo o seu marco regulador. A rede estará integrada pola Deputación de Ourense e todos os concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con espazos escénicos que reúnan os requisitos establecidos na cláusula segunda e soliciten a súa adhesión. A dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación Provincial a través do deputado delegado en materia de cultura, correspondéndolle á Asesoría de Política Cultural da Deputación as funcións de impulso e seguimento.

Asemade, o pleno aprobou a concesión da Medalla de Ouro da Provincia de Ourense aos integrantes do grupo musical “Los Suaves”, como homenaxe e recoñecemento do pobo ourensán a toda unha longa traxectoria musical, chea de éxitos, nos que nunca faltou a permanente manifestación da súa ourensanía.

A sesión plenaria da Corporación Provincial aprobou tamén hoxe a adhesión da Deputación de Ourense á Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais de España, adscrita á Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, designando como representante ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ou deputado/a en quen delegue, e aprobando o pago da cota anual correspondente, que para as deputacións provinciais é de 3.000 euros.

Pleno 27/05/2016

Pleno Deputación 27/05/2016

 

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:

ACCESO E PARTICIPACIÓN DO PÚBLICO NAS SESIÓNS DO PLENO

Acordo:

1º.- Desestimar integramente as alegacións formuladas polo Grupo Socialista fronte o acordo de aprobación inicial da modificación do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial de Ourense en materia de acceso e participación do público nas sesións do Pleno, do 31 de marzo de 2016.

2º.- Aprobar definitivamente a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial de Ourense en materia de acceso e participación do público nas sesións do Pleno, conforme co texto inicialmente aprobado o 31 de marzo de 2016.

3º.- Publicar o texto íntegro consolidado do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial, resultante da dita modificación, no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación, para a súa entrada en vigor.

DELEGACIÓN DE COMPETENCIA FORMULADA POLO CONCELLO DE PARADA DE SIL PARA A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE EXPROPIATORIO PARA A EXECUCIÓN DA OBRA “ACONDICIONAMENTO CAMIÑO RURAL HEDRADA-OU0604”, NO CONCELLO DE PARADA DE SIL

Acordo:

1º.- Aceptar a delegación de competencia formulada polo concello de Parada de Sil para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra “acondicionamento camiño rural Hedrada-OU 0604”.

2º.- Comunicarlle ao Concello de Parada de Sil este acordo e a obriga, como beneficiario da expropiación, de aboar o importe correspondente ao prezo xusto dos bens afectados pola expropiación, así como dos anuncios preceptivos por lei.

MELLORA DOS SERVIZOS DE TRANSPORTE PÚBLICO ENTRE AS VILAS DA PROVINCIA E A CAPITAL DE OURENSE

Acordo:

Instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a mellorar con carácter inmediato os servizos de transporte público entre O Carballiño e a cidade de Ourense, revisando tamén a situación das outras vilas máis poboadas da provincia.

PROTECCIÓN DA ACTIVIDADE APÍCOLA AUTÓCTONA NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

1º.- Solicitar da Consellería do Medio Rural que poña todo o rigor preciso nos controis e rexistro dos asentamentos, evitando deste xeito a picaresca e as minguas, que moitos apicultores están a padecer.

2º.- Solicitar á Consellería do Medio Rural para que regule distancias entre asentamentos estantes que non debería ser inferior a 1 quilómetro de radio, excluíndo os apiarios de autoconsumo (de menos de 15 colmeas).

3º.- Instar á Consellería do Medio Rural a que lexisle para que, a nivel municipal, se favoreza a apicultura entre os veciños con prioridade, só no caso de non haber interese na actividade, por parte das persoas do lugar, se poderían introducir, apicultores foráneos dun xeito controlado e racional e cumprindo coa lexislación vixente.

ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN Á SECCIÓN DE MUNICIPIOS DE AUGAS MINERAIS E TERMAIS DE ESPAÑA ADSCRITA Á FEMP

Acordo:

1º. Aprobar o compromiso de adhesión da Deputación de Ourense á Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais de España adscrita á Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias.

2º. Aceptar as normas de funcionamento e organización da Sección de Municipios.

3º. Designar como representante político nesta sección a don José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación Provincial, ou deputado no que delegue.

4º. Aprobar o pago da cota anual correspondente, aprobada pola Asemblea Ordinaria da Sección. A cota de 2016 é de 3.000 € para as deputacións provinciais.

5º. Notificarlle o acordo de Pleno á Federación Española de Municipios e Provincias (Rúa Nuncio, 8 – 28005 Madrid).

INSPECCIÓN DE EQUIPOS DE APLICACIÓN DE PRODUTOS FITOSANITARIOS

Acordo:

1.- Que o presidente da Deputación de Ourense esixa da Xunta de Galicia, que dispoñan por comarcas as unidades precisas para que todos os equipos poidan pasar a obrigada inspección e cumprir cos prazos que marca a normativa.

2.- Que o presidente da Deputación de Ourense esixa da Consellería do Medio Rural, que as unidades de inspección que se establezan para cada comarca, volvan pasar a segunda revisión naqueles casos en que fora preciso, para evitar o desprazamento longo e custoso para os agricultores a lugares afastados da súa comarca.

CONCESIÓN DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA AOS INTEGRANTES DO GRUPO MUSICAL “LOS SUAVES”

Acordo:

Outorgarlles a medalla de ouro da provincia aos integrantes do grupo musical Los Suaves, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria musical, chea de éxitos, nos que nunca faltou a permanente manifestación da súa ourensanía.

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE COS CONCELLOS, PARA A CREACIÓN E O COFINANCIAMENTO DUNHA REDE DE ESPAZOS CULTURAIS E A PROGRAMACIÓN COORDINADA DE ACTIVIDADES A NIVEL PROVINCIAL (2016)

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Programa da Deputación de Ourense cos concellos, para a creación e o cofinanciamento dunha rede de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial (2016).

2º.- De conformidade co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións desta Deputación, as bases reguladoras do programa inicialmente aprobadas someterase a información pública, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia, por prazo de dez días hábiles, durante os que as entidades locais interesadas poderán formular as alegacións e suxestións que consideren oportunas, as cales serán obxecto de resolución expresa polo Pleno. En caso de non formularse alegacións en prazo, entenderanse automaticamente aprobadas de xeito definitivo, procedéndose á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

FESTA DO BOI DE ALLARIZ

Acordo:

A Deputación de Ourense, manifesta o seu apoio á Festa do Boi de Allariz por tratarse dunha festa de arraigamento histórico de case 700 anos, onde se exaltan as tradicións, cultura e demais elementos que contribúen á mellora da oferta lúdica e promocional da nosa provincia.

CAMBIO DE DATA DA SESIÓN ORDINARIA DO MES DE XUÑO DE 2016

Acordo:

Fixar a data de celebración do Pleno ordinario do mes de xuño, para o día 30 de xuño, xoves, ás 10.00. As comisións informativas ordinarias terán lugar os días 15 e 16 de xuño, pola mesma orde que no resto dos meses.

ESTRADA 0U-0807 A SAN VICENTE DE LEIRA

Acordo:

A Deputación executará as obras necesarias para garantir a accesibilidade en condicións de seguridade ao núcleo de San Vicente de Leira, tan pronto se determine tecnicamente cal é a mellor das opcións propostas, tomando as decisións orzamentarias que procedan para que sexa unha realidade á maior brevidade posible.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →