Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

O Pleno da Deputación aproba os programas “BenOurense” e de atención á primeira infancia

Por   /  26/11/2016 

    Imprimir       Email
  • A Deputación de Ourense aproba os programas “BenOurense” de servizos sociais comunitarios e atención á primeira infancia
  • Na sesión plenaria correspondente ao mes de novembro tamén se aprobou o programa provincial de cooperación cos concellos para actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o ano 2017
  • Asemade en materia cultural, a corporación provincial aprobou os estatutos da Fundación “Eduardo Blanco Amor”, así como a creación en Ourense do Museo Galego de Emigración

 

A Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de novembro, celebrada onte no Pazo Provincial, os programas provincias BenOurense en materia de Servizos Sociais Comunitarios e para puntos de atención á primeira infancia para o vindeiro ano 2017.

En concreto, o programa BenOurense de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o vindeiro ano estrutúrase en tres accións: unha en materia de asistencia económica, para garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social. Nesa mesma liña de asistencia económica, a segunda acción ten como obxectivo garantir o servizo de axuda no fogar. E a terceira acción refírese á asistencia técnica e xurídica que se prestará a través do persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais.

Por outra parte, as bases do outro programa provincial BenOurense teñen por obxecto regular a concesión de axudas destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI), e para os servizos complementarios. Neste apartado, contémplanse dúas accións: unha dirixida aos PAI, considerados os establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal, en concellos de menos de 5.000 habitantes, que prestan apoio aos pais de nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. A segunda acción referida aos servizos complementarios municipais, os cales se encadran nas funcións de atención e coidado fora da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar.

A corporación provincial tamén aprobou na Sesión Plenaria, o programa provincial de cooperación cos concellos para actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provincias durante o ano 2017, coa finalidade de colaborar economicamente cos concellos e coas mancomunidades no sostemento deste servizo e das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais.

Asemade outro dos acordos aprobados esta mañá no Salón de Plenos da Deputación de Ourense en materia cultural, foi a aprobación dos estatutos da Fundación Eduardo Blanco Amor co fin de levar a cabo actuacións que difundan e a obra deste autor, a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, do xornalismo, das artes, abordados polo autor e polos investigadores da súa obra, entre outras liñas de actuación. Así mesmo, aprobouse a creación en Ourense do Museo Galego da Emigración, na que a sede da dita infraestrutura sexa o Pazo de Vilamarín.

Pleno de novembro 2016 - Deputación de Ourense

Pleno de novembro 2016 – Deputación de Ourense

 

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:

PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS 2017

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2017 da Deputación Provincial de Ourense.

2º.- Someter a información pública, durante o prazo de 30 días hábiles, a documentación inicialmente aprobada, mediante anuncio no BOP, para a formulación de alegacións ou reclamacións. Se transcorrido o prazo de información pública non se formulan alegacións ou reclamacións, entenderase automaticamente aprobado de forma definitiva. Se se formulan alegacións ou reclamacións estas serán resoltas polo Pleno.

CESIÓN GRATUÍTA DA PARCELA II DO CAMPUS NORTE DE OURENSE Á UNIVERSIDADE DE VIGO

Acordo:

1. Aprobar inicialmente a cesión gratuíta á Universidade de Vigo da parcela II (Colexio Universitario) do Campus Norte de Ourense.

2. Someter o expediente a información pública, polo prazo de 20 días, para que calquera interesado poida formular alegacións, entendéndose aprobado definitivamente o expediente, no caso de que non se formulen alegacións.

3. Deberá manterse o fin educativo para o que son cedidos, establecéndose que no caso de cesamento deste, quedará resolta a cesión e reverterán os bens á Deputación de Ourense, nos termos previsto no artigo 111 do Regulamento de bens das entidades locais aprobado por Real decreto 1372/1986.

4. A Universidade de Vigo deberá levar a cabo a depuración xurídica da parcela cedida, asumindo os seus custos, así como da elevación do presente acordo a escritura pública, no caso de que o solicite.

LIMPEZA DAS MARXES DAS REDES VIARIAS 2017

Acordo:

1º.- Desestimar as alegacións formuladas.

2º.- Aprobar as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais durante o exercicio 2017.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da concesión de subvencións a concellos e mancomunidades da provincia de Ourense para o financiamento da prestación de servizos de limpeza da rede viaria local durante un período mínimo de tres meses.

O período mínimo de realización da actividade de limpeza da rede subvencionado deberá comprender, en todo caso, as datas nas que a Deputación estableza a limpeza obrigatoria dun número mínimo de quilómetros da rede viaria provincial, conforme co previsto na cláusula sétima, apartado b).

Os servizos subvencionados poderán prestarse mediante calquera modo de xestión dos previstos na lexislación de réxime local, sendo subvencionables todos os gastos correntes directos do servizo. Exclúense os gastos de investimento e os indirectos, así como os definidos como non subvencionables nos apartados 7 e 8 do artigo 31 da Lei xeral de subvencións.

Nos supostos de prestación do servizo que non comprendan meses naturais completos, para o cálculo do cumprimento do período mínimo esixible computaranse os días naturais de prestación, considerándose un mes por cada trinta días naturais.

A finalidade da subvención é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria municipal (servizo que se considera incluído no servizo mínimo obrigatorio de acceso aos núcleos de poboación, recollido no artigo 26 da Lei de bases de réxime local) e no cumprimento das obrigas establecidas na lexislación galega de prevención de incendios forestais. Esta colaboración condiciónase a que por parte dos concellos e mancomunidades se realicen labores de limpeza das marxes das vías provinciais e municipais, co obxectivo último de garantir o mantemento das vías en condicións axeitadas de limpeza e seguridade, dándolle ademais cumprimento ao establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas no presente Programa provincial de cooperación aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades integradas por estes concellos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Prestar o servizo de limpeza da rede viaria, cunha máquina rozadora con brazo articulado, destinada á realización de traballos de limpeza das marxes da rede viaria municipal e provincial, durante, polo menos, o período mínimo do ano 2017 sinalado na cláusula primeira.

b) Adherirse ao presente Programa de Cooperación no prazo e coas formalidades recollidas na cláusula quinta.

O financiamento das subvencións reguladas na presente convocatoria realizarase con cargo á aplicación 16311/46200 dos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2017, tramitándose con carácter anticipado a convocatoria ó abeiro do disposto no artigo 56.1 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento da Lei xeral de subvencións. Para estes efectos, serán de aplicación á presente convocatoria as seguintes regras especiais:

1ª) A presente convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial para o exercicio 2017, tendo carácter puramente estimatorio a contía total máxima prevista nas presentes bases.

2ª) A contía total máxima estimada é de trescentos cincuenta mil euros (350.000,00 €).

3ª) No expediente de gasto que se tramite a certificación de existencia de crédito substituirase por unha certificación relativa á concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 56.1 do RD 887/2006.

4ª) Os efectos de tódolos actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que, ó ditarse a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron eses actos.

5ª) A resolución de concesión deberá ditarse no exercicio 2017, unha vez aprobado definitivamente e publicado na forma legalmente prevista o orzamento da Deputación Provincial para o dito exercicio.

A contía das subvencións que se concedan ao abeiro deste Programa de cooperación será para o exercicio 2017 de 4.500,00 € como máximo, con destino ao financiamento dos gastos subvencionables de prestación do servizo.

En todo caso, a contía da subvención nunca poderá exceder do 100% dos gastos subvencionables soportados pola entidade beneficiaria, polo que se reducirá na contía correspondente para o caso de que o gasto xustificado no citado concepto sexa inferior a

3º.- Ordenar a publicación das bases do Programa no BOP e na sede electrónica da Deputación Provincial.

ABASTECEMENTO EN ALTA RAZAMONDE-SAN TROCADO

Acordo:

1º.- Aceptar a delegación de competencia na Deputación Provincial de Ourense acordada polos concellos de Cenlle (acordo plenario do 21-10-2016), Punxín (acordo plenario do 28-10-2016) e San Amaro (acordo plenario do 10-11-2016) para solicitar e obter a oportuna concesión demanial do aproveitamento das augas do río Miño para o abastecemento da poboación do municipio de Cenlle conxuntamente co da poboación dos municipios de Punxín e San Amaro.

Ao abeiro desta delegación, a Deputación solicitará a dita concesión, asumindo ante o organismo de conca os dereitos e obrigas inherentes á condición de concesionario.

A presente delegación non supón transferencia da titularidade da competencia para a ordenación e xestión do servizo de abastecemento, que continúa sendo municipal, limitándose ó exercicio das facultades necesarias para a obtención da concesión e a realización dos actos que corresponden ó concesionario.

A presente delegación terá carácter indefinido.

2º.- Publicar no BOP esta delegación, para xeral coñecemento.

BENOURENSE DE ASISTENCIA ECONÓMICA, TÉCNICA E XURÍDICA AOS CONCELLOS 2017

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras Programa Provincial BenOurense de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2017.

Constitúe o obxecto do Programa Provincial de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2017 o establecemento, de xeito integral e detallado, regulando os trámites para a súa total execución, das accións que lle corresponde desenvolver á Deputación Provincial de Ourense en virtude das competencias atribuídas polos artigos 109.1.b) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, 63 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e 31 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

En consecuencia, e ao abeiro dos preceptos citados, o obxecto do Programa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Para estes efectos, inclúense tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes, ao tratarse de meras entidades instrumentais dos concellos que exercen competencias delegadas por aqueles.

Tendo en conta o disposto no artigo 31.3 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, este Programa estrutúrase en tres accións:

1ª) Acción 1: asistencia económica, co obxecto de garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador/a social.

2ª) Acción 2: asistencia económica co obxecto de garantir o financiamento do servizo de axuda no fogar básico aos concellos e mancomunidades de menos de 20.000 habitantes.

3ª) Acción 3: asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais, complementaria da asistencia económica. Esta prestación levarase a cabo por persoal da Área de Benestar da Deputación, consistindo na emisión de informes técnicos e xurídicos en materia de servizos sociais. Este servizo prestarase de xeito prioritario ás entidades locais correspondentes a áreas rurais de menos de 5.000 habitantes e rurais de alta dispersión.

2º.- A aprobación do presente programa queda condicionada, no relativo ao incremento das subvencións da Acción I, á aprobación da oportuna modificación orzamentaria para a dotación do dito incremento. En caso de que a dita modificación orzamentaria non se chegase a aprobar, as contías das subvencións da Acción I serán as previstas no Programa BenOurense 2016.

3º.- Someter a información pública, mediante anuncio inserido no BOP, as bases inicialmente aprobadas, conforme co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense, polo prazo de 10 días hábiles. Durante o dito prazo, os interesados poderán formular as alegacións que consideren oportunas, que serán resoltas expresamente polo Pleno. En caso de que non se formulen alegacións entenderase elevado a definitivo o acordo da aprobación provisional.

BENOURENSE PAIs 2017

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras da convocatoria do concurso público do Programa BenOurense Infancia para a concesión de subvencións para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais para o exercicio 2017.

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación Provincial de Ourense, para a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia” en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención a Primeira Infancia (PAI)”, e/ou dos “Servizos Complementarios”.

O presente programa contempla dúas accións:

1º) Acción I: Punto de Atención á Infancia (PAI).

Ós efectos das presente convocatoria enténdese como PAI aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñen por finalidade prestar apoio ós pais, titores e gardadores dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos e que se atopan regulados polo Decreto 329/2005, de 28 de xullo.

Exceptúanse aqueles servizos xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que poida substituíla.

2º) Acción II: Servizos Complementarios Municipais.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese como servizo complementario, aqueles servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fora da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio as familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

Poderán obter subvención, os seguintes:

1. Acción I .- Os PAIs daqueles concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense non xestionados polo Consorcio galego de benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

2. Acción II.- As corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, da provincia de Ourense, que conten cun centro que reúna as seguintes condicións:

– Que teñan en funcionamento un servizo complementario da súa titularidade, xestionada de forma directa ou indirecta, que organicen o coidado dos nenos e nenas no seo dun grupo coa finalidade de contribuír ao seu benestar e favorecer a conciliación laboral e familiar mediante a garda e custodia dos menores, funcione baixo un calendario coñecido e sistemático, con reserva de praza previa e un sistema regulado de cobertura destas prazas .

– Que estes centros presten servizos, cando menos, 5 días da semana durante nove meses ó ano, coa finalidade de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais/mais ou representantes legais dos nenos, excepto aqueles días sinalados como festivos no calendario laboral.

Quedan expresamente excluídos de esta consideración servizos exclusivos de ludoteca, actividades de formación/capacitación complementarias á escolar e desenvolvidas no curso escolar (actividades extraescolares), actividades deportivas ou de ocio realizadas polo concello durante o curso escolar, e outras de natureza análoga ás anteriores.

2º.- Someter a información pública, mediante anuncio inserido no BOP, as bases inicialmente aprobadas, conforme co establecido no artigo 10 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense durante o prazo de 10 días hábiles. Durante o dito prazo, os interesados poderán formular as alegacións que consideren oportunas, que serán resoltas expresamente polo Pleno. En caso de que non se formulen alegacións entenderase elevado a definitivo o acordo da aprobación provisional.

VIOLENCIA MACHISTA

Acordo:

Instar ao Parlamento de Galicia a constituír neste período de sesións a Comisión non permanente de Estudio para a igualdade e para os dereitos das mulleres.

Instar ao Parlamento de Galicia a incluír no plan de traballo da Comisión non permanente de estudo para a igualdade e os dereitos das mulleres, a proposta dos grupos parlamentarios que a integran, a persoas expertas no ámbito xurídico, co obxecto de poder avaliar a inclusión do termo feminicidio na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así como outras posibles modificacións lexislativas.

Instar a Xunta de Galicia, en diálogo coas organización sociais, sindicais e empresarias e, dentro da Mesa de Diálogo Social, a que se promovan medidas encamiñadas a que as empresas cumpran co dereito á igualdade salarial e a non discriminación retributiva entre mulleres e homes.”

FUNDACIÓN EDUARDO BLANCO AMOR

Acordo:

1º.- Aprobar os Estatutos da Fundación Eduardo Blanco-Amor:

Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución Española, coa denominación de “Fundación Eduardo Branco Amor”, constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese galego, constituída sen ánimo de lucro, cuxo patrimonio se acha afectado, de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

A fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar en consecuencia todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

A fundación rexerase pola Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, o Decreto 12/2009, polo que se aproba o Regulamento das fundacións de interese galego e, no que sexa de aplicación, pola Lei 50/2002, de fundacións, a Lei 49/2002, de réxime fiscal das entidades sen ánimo de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado, o Real decreto 1270/2003, polo que se aproba o Regulamento de aplicación do réxime fiscal das entidades sen ánimo de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado, e demais normativa que sexa de aplicación, pola vontade do fundador manifestada nestes estatutos e demais normas de xeral aplicación.

O domicilio da fundación radicará na sede do Pazo Provincial, na rúa Progreso 32, Ourense.

O padroado poderá promover o cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con inmediata comunicación ao protectorado, na forma prevista na lexislación vixente.

A fundación desenvolverá as súas actividades principalmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Son fins da Fundación:

1. A conservación, difusión, promoción e tradución da obra de EDUARDO BLANCO-AMOR e ou seu legado. Facendo especial fincapé nos fondos bibliográficos (arquivo e publicacións da biblioteca do escritor) propiedade da Deputación de Ourense desde o 7 de maio de 1983.

2. A promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galega, as artes, a fotografía, e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra.

3. A dinamización e difusión sociocultural de todo o relacionado con EDUARDO BLANCO-AMOR, especialmente na provincia de Ourense, en Galicia, España e países de América relacionados co escritor.

4. A potenciación e difusión da cultura e da realidade social, sobre todo da época do escritor, en Ourense, Galicia, en xeral, e no exterior; e a colaboración con entes públicos e privados de fins semellantes.

Para a consecución dos fins mencionados no artigo anterior, a Fundación realizará as seguintes actividades:

1. A catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, propiedade da Deputación de Ourense, e de toda a documentación relacionada coa figura de EDUARDO BLANCO-AMOR.

2. A divulgación da obra de EDUARDO BLANCO-AMOR, as obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca.

3. A formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados coa intensa e variada actividade do escritor ourensán

4. A realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social, tanto en Ourense, Galicia, España e América.

5. A captación dos fondos económicos, subvencións e convenios, necesarios para levar a cabo as ditas actividades.

2º.- Que se proceda, consonte co sinalado nos artigos 10 e 11 da Lei 12/2006 de fundacións de interese galego a formalizar en documento público escritura de constitución da fundación e á solicitude de clasificación e inscrición diante do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

MUSEO GALEGO DA EMIGRACIÓN

Acordo:

1º.- Que a Deputación de Ourense proxecte e faga realidade o Museo Galego da Emigración.

2º.- Que a sede da dia infraestrutura cultural sexa o Pazo de Vilamarín.

CENTRO PÚBLICO DE ATENCIÓN ÁS PERSOAS CON DISCAPACIDADE DE MÁIS DE 21 ANOS NA PROVINCIA DE OURENSE

1. A Deputación amosa o seu rexeitamento ao proxecto presentado por non ser o que precisa a provincia de Ourense. Nin por servizos, nin número de prazas, nin por garantir a xestión pública, coa que nos comprometemos os partidos políticos en acordo asinado o 19 de setembro de 2016.

2. A Deputación insta á Xunta de Galiza a que se elabore un novo proxecto que se corresponda con un “CENTRO DE ATENCIÓN TERAPÉUTICA-OCUPACIONAL”, público, que execute nunha primeira fase o centro de día e servizos común e que deixe previsto para unha segunda fase o centro residencial.

3.- A Deputación insta á Xunta de Galiza a que se garanta, en todo caso, a xestión pública do mesmo.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

servicio-publico-de-empleo-estatal-prestaciones-sepe-antes-inem_img238015t0

Paro novembro: baixa nun 9,6%, o maior descenso producido neste mes desde hai 18 anos

Leer mas →