Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

Os Kowa, novela de Xavier Queipo gaña o XXXIV Premio “Blanco Amor”

Por   /  27/11/2015 

    Imprimir       Email
  • O certame, organizado pola Deputación de Ourense, ten unha dotación económica de 12.000 euros
Ditame do xurado do XXXIV Premio de novela “Blanco Amor”

Ditame do xurado do XXXIV Premio de novela “Blanco Amor”

 

A XXXIV edición do premio de novela longa “Eduardo Blanco-Amor” que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luis González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

Rosendo Fernández asegurou que este premio “amosa o compromiso que ten a institución provincial coa difusión e posta en valor da figura de Blanco-Amor, o autor que inmortalizou Auria na súa obra”.

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros, outorgándoselle asemade ao premiado unha obra do escultor ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado.

Xavier Queipo, natural de Padrón e residente en Bruxelas é un novelista de longa traxectoria dentro da literatura galega.

Luis González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”.

No pasado ano 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización deste premio literario, e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.

A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.

No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luis González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →