Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

Plenos cidadáns “unha medida innovadora que incrementará a transparencia”

Por   /  26/11/2016 

    Imprimir       Email
  • Xornada de “portas abertas” na Deputación de Ourense
  • Manuel Baltar participou na visita ao Pazo Provincial explicándolles aos visitantes a historia e o funcionamento da institución provincial
  • O presidente anunciou a realización de “plenos cidadáns”, “unha medida innovadora que incrementará a transparencia, o achegamento da Deputación á sociedade e participación da cidadanía”

xornada-portas-abertas-deputacion-ourense-01

 

A Deputación de Ourense celebra ao longo do día de hoxe a súa tradicional xornada de “portas abertas”, unha iniciativa enmarcada na “4ª “Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”. O responsable de guiar ao primeiro grupo de visitantes no Pazo Provincial foi o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen se encargou de explicarlles a historia da institución e o seu funcionamento, así como as peculiaridades e a evolución deste edificio histórico que alberga a Deputación de Ourense, unha iniciativa que ten como obxectivo seguir achegando o ente provincial a todos os cidadáns.

Esta xornada é, segundo Baltar, o “día dos cidadáns”, “unha maneira de achegar a institucións aos seus donos, que son os ourensáns, nunha institución –a Deputación de Ourense- que conta cunha Carta de Servizos, na que explicamos o que facemos e cuxos beneficiarios directos son os concellos e os habitantes da provincia”. Manuel Baltar destacou o “carácter de proximidade” do goberno provincial, afirmando que cando un veciño ten algunha reivindicación que facer do seu municipio acode ao alcalde, e cando o alcalde ten que facer o propio acode ao presidente da Deputación, porque os concellos son a administración máis cercana ao cidadán, e a Deputación, á máis achegada aos concellos”.

xornada-portas-abertas-deputacion-ourense-02

 

O presidente volveu reivindicar que se siga incrementando esa proximidade entre cidadáns e goberno provincial, “e iso pasa, entre outras cuestións, pola necesaria modificación da Lei Electoral para que os cidadáns poidan elixir directamente aos seus máximos representantes provinciais”.

Nesta liña, Manuel Baltar avanzou unha innovación que propón en materia de transparencia e comunicación directa coa cidadanía: a celebración de “Plenos cidadáns” para que os veciños tomen a palabra. “Os habitantes dos municipios teñen a palabra a través dos seus representantes, isto non o debemos obviar, pero se houbese cidadáns que de xeito directo quixeran transmitir calquera cuestión aos seus gobernantes debemos favorecer que o poidan facer”. Unha medida que proximamente se regularizará, segundo explicou Baltar, “por medio dun “pleno cidadán”, que non ten por que celebrarse exclusivamente no Salón de Plenos do Pazo Provincial, senón que se pode desprazar o presidente da Deputación a calquera concello ou comarca da provincia para responder directamente a preguntas propostas con anterioridade, para poder darlle nese mesmo momento a resposta que corresponda. Esta é unha vía para incrementar a participación cidadá e a transparencia, que son eixes estratéxicos da Deputación de Ourense”.

xornada-portas-abertas-deputacion-ourense-03

 

Visitas guiadas

As visitas que se realizan ao longo desta xornada percorren o despacho do presidente, a Sala de Xuntas e o Salón de Plenos do Pazo Provincial, un itinerario no que aos visitantes se lles entrega o libro-manual Viaxe ao patrimonio natural da Ourensanía, escrito por María Lado e Xosé Antonio Perozo, que ten como obxectivo achegar o patrimonio natural e o medio ambiente da provincia de Ourense aos máis novos.

Nesta cuarta edición participaron 8.417 alumnos de 47 centros escolares, quen durante esta semana realizaron diferentes actividades entorno á temática, entre elas un Pleno Infantil, no que alumnos do colexio “Pablo VI-Fátima” da Rúa debateron sobre temas medioambientais vencellados á comarca de Valdeorras. Como remate ás actividades escolares, Manuel Baltar visitou o colexio Padre Feijoo-Zorelle, onde os alumnos traballaron ao longo da semana realizando murais e material audiovisual que narran a historia e a etnografía da provincia de Ourense.

Baltar remarcou o éxito, que ano a ano segue crecendo, desta “Semana Escolar da Deputación e a súa Provincia”, “dada a grande receptividade e as valoracións tanto dos alumnos como dos docentes nos catro anos que se ven desenvolvendo esta actividade”, e dixo que a través destas xornadas os cidadáns da nosa provincia “comprenden o labor que desenvolve o goberno provincial. Somos un país orgulloso do propio, pero á vez aberto e cosmopolita, que a través da historia fixo da tolerancia e do entendemento as pedras angulares da súa armazón social”.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

La mercancía incautada

Detenidos en Oímbra dos vecinos de Portugal por un delito contra la propiedad industrial por transportar ropa falsificada por valor de 11.000 euros

Leer mas →