Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

“Raigame”, romaría etnográfica homenaxe aos segadores

Por   /  11/05/2016 

    Imprimir       Email
  • A romaría etnográfica “Raigame” homenaxea aos segadores galegos que viaxaban a Castela
  • Manuel Baltar destacou que este evento “pon en valor as nosas tradicións, consolidando a nosa aposta pola cultura propia”
  • Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, celebrarase o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes
Antonio Piñeiro, José Luis Ferro, Manuel Baltar e Mariló Fernández

Antonio Piñeiro, José Luis Ferro, Manuel Baltar e Mariló Fernández

 

A XV edición da romaría etnográfica “Raigame” homenaxea aos segadores galegos que viaxaban a Castela para facer a seitura. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia celebrarase o 17 de maio en Vilanova dos Infantes, no Concello de Celanova. A presentación tivo lugar onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” onde participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; a directora do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Mariló Fernández Senra, e o técnico de Cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro.

Manuel Baltar destacou que “Raigame”, “é o evento etnográfico máis importante que ten lugar na provincia de Ourense, vencellado ás nosas letras e ás nosas tradicións”, e engadiu, que se trata “dunha celebración con numerosas actividades etnográficas e de lecer, que consolida a nosa aposta pola cultura propia, que impulsa a Deputación de Ourense co-organizando o evento, pois é unha oportunidade perfecta para pór en valor a cultura, a lingua, e sobre todo, esa Galicia que tanto queremos”, asegurou o presidente do goberno provincial.

As actividades que se desenvolverán no marco de “Raigame” irán en consonancia con esa homenaxe aos segadores galegos, con exposicións de ferramentas e maquinaria, fotografías, pases de documentais, e como novidade, a celebración dun simposio para afondar na temática da seitura.

Asemade, e como en edicións anteriores, tamén participarán grupos de música, teatro e baile, e os tradicionais postos de artesanía e gastronomía. A programación complétase cun concurso de fotografía e coa entrega do Premio “Adolfo Enríquez”, que nesta ocasión recae en Clodio González, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e investigador da etnografía galega.

O alcalde de Celanova dixo que nesta edición “queremos que Raigame sexa un escaparate do proxecto de dinamización do burgo medieval de Vilanova”, e avanzou que durante toda a xornada da celebración haberá un autobús dos anos 50 que trasladará gratuitamente aos visitantes de Celanova a Vilanova.

Asemade, José Luis Ferro adiantou que no castelo “exhibirase ao público a réplica da Virxe do Cristal, doada por Manuel Granai, xunto cunha exposición con imaxes dos danzantes, da Banda de Música, da procesión da Virxe do Cristal do 15 de setembro, e do poema da Virxe, recitado por 71 centros escolares”.

Pola súa banda, Mariló Fernández destacou que Raigame “é un revivir das nosas tradicións, para poñernos na pel da xente de finais do século XIX e comezos do XX, polo cal Vilanova dos Infantes convértese no escenario onde se mostra o xeito de vida, desde o traballo ata o lecer, dos nosos antepasados”.

Finalmente, Antonio Piñeiro lembrou que este ano cúmprese o centenario da galeguización de Vilanova dos Infantes, “sendo o primeiro pobo galego en galeguizar o seu topónimo, un feito que merece destacarse”. Ao remate da presentación, proxectouse o documental titulado: “Raigame e Vilanova dos Infantes. Un patrimonio vivo”, que pode verse a través de Youtube, e no que se amosa o burgo medieval de Vilanova a través de imaxes aéreas e a pé de rúa, nas dúas facianas desta fermosa vila: a cotiá, coa tranquilidade como protagonista, e a multitudinaria, durante o día de celebración de “Raigame”.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →