Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

Unha aposta pola identidade ourensá

Por   /  14/11/2016 

    Imprimir       Email
  • Baltar afirma que o Congreso internacional sobre san Martiño “é unha aposta pola identidade ourensá”
  • A Deputación de Ourense organiza este evento, en colaboración co Bispado e co Campus de Ourense, que reúne esta semana a expertos de dez países para debater sobre a historia medieval, a evolución do cristianismo en Ourense e conmemorar os 1.700 anos do santo
  • O Papa Francisco enviou unha mensaxe aos organizadores e participantes do congreso pola iniciativa de levar a cabo un evento na honra do patrón de Ourense
Jorge López Quiroga, Manuel Baltar, Leonardo Lemos e Virxilio Rodríguez.

Jorge López Quiroga, Manuel Baltar, Leonardo Lemos e Virxilio Rodríguez.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o vicerreitor do Campus de Ourense e o medievalista da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, inaugurou esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o Congreso internacional sobre san Martiño de Tours, un evento que reúne ao longo desta semana a expertos de dez países para debater sobre a historia medieval e a evolución do cristianismo en Ourense, e que conmemora os 1.700 anos do nacemento do patrón da provincia.

O presidente do goberno provincial dixo que este congreso “é unha aposta pola identidade ourensá, que posiciona ao noso territorio, e supón situar a Ourense con pleno protagonismo neste ano Martiñano, no congreso máis completo sobre esta temática, ademais dos que se organizaron en Bos Aires e Tours, pois contamos con especialistas das mellores universidades do mundo, quen debaterán e achegarán novidades sobre a figura de san Martiño de Tours”.

O evento celébrase do 14 ao 18 de novembro coa presenza de especialistas internacionais que analizarán a figura do patrón de Ourense cando se conmemoran os 1.700 anos do seu nacemento.

No acto inaugural o presidente da Deputación agradeceu a Jorge López Quiroga o seu labor “porque foi a chispa que acendeu este soño que hoxe facemos realidade e que agardo que co tempo se sega mantendo viva, para coñecer aínda máis e poñer en valor a obra e a traxectoria de san Martiño de Tours”.

No congreso, organizado pola Deputación de Ourense, expertos de Estados Unidos Brasil, Gran Bretaña, Francia, Portugal, Austria e España analizan a figura deste santo e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva. Jorge López Quiroga destacou de san Martiño “a súa personalidade e o seu carácter xeneroso e conciliador. Foi soldado, heremita, monxe e bispo, e non habería entendido de muros nin fronteiras, como acontece na actualidade, e a ben seguro que combatería todo iso”.

Manuel Baltar tamén anunciou para o ano 2017 a organización por parte da Deputación de Ourense dunha gran exposición titulada “Tempore Suevorum”, o tempo dos Suevos na Gallaecia, “a primeira mostra sobre o primeiro reino medieval de occidente, creado no ano 414”. Baltar agradeceu a presenza de “especialistas chegados das universidades máis prestixiosas que poderán coñecer a riqueza patrimonial da nosa provincia, coas visitas aos lugares máis emblemáticos de Ourense”, e tamén agradeceu o traballo de organización e coordinación do congreso que leva a cabo o historiador Jorge López Quiroga, “un medievalista referente en Europa”.

O congreso estruturase entorno a tres bloques temáticos: a figura de san Martiño; os procesos de evanxelización e os mecanismos de conversión, e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman o actual territorio da Gallaecia. As actividades desenvolveranse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no Liceo de Ourense, na Facultade de Historia, e no Pazo de Vilamarín.

Mensaxe do Papa para o patrón de Ourense

O bispo de Ourense dixo que falar de san Martiño “é afondar nas raíces da nosa historia” e que grazas a el e ao impulsor da súa figura neste territorio, san Martiño de Dumio “o cristianismo prendeu na Gallaecia sueva e logrou a unificación baixo un mesmo ideario relixioso e social”, expresou Leonardo Lemos, quen rematou a súa intervención lendo unha mensaxe enviada polo Papa Francisco, a través do secretario de Estado do Vaticano, para saudar aos organizadores e participantes do congreso pola iniciativa de levar a cabo un evento na honra do patrón de Ourense.

O vicerreitor do Campus destacou “a importancia da colaboración institucional entre a Deputación e a Universidade de Vigo, que posibilita que cooperemos academicamente en eventos como este, que nos permite analizar unha época histórica poucas veces abordada para o gran público”, dixo Virxilio Rodríguez.

 

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

Papá Noel conectará a través de videoconferencia con mais de 1.600 nenos e nenas

Leer mas →