Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Más Actualidad  >  Artículo Actual

XVI edición da “Noite Meiga”

Por   /  28/10/2016 

    Imprimir       Email
  • A Noite Meiga encherá as rúas de Ribadavia con actividades para todos os públicos
  • Esta tradicional celebración, na que colabora a Deputación de Ourense, terá lugar mañá sábado, 29 de outubro, e nesta edición inclúe unha actuación de Monicreques nos colexios
Aurelio Gómez Villar, Jéssica Martínez, Alba González e Manuel Doval

Aurelio Gómez Villar, Jéssica Martínez, Alba González e Manuel Doval

 

A XVI edición da “Noite Meiga”, organizada pola Asociación Ribadavia Activa-T, chega mañá sábado, 29 de outubro, á localidade de Ribadavia, cunha nova actividade dirixida aos máis cativos, unha actuación de Monicreques chamada “A bruxa riquiña e a súa avoíña” na que se representará o que é a Noite Meiga, nos dous colexios. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de cultura, Manuel Doval; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e as representantes da Asociación Ribadavia Activa-T, Alba González e Jéssica Martínez.

Manuel Doval sinalou que a Deputación de Ourense “sempre apoia as iniciativas que parten da cidadanía para a creación de contidos culturais, e neste caso, a Noite Meiga é un bo exemplo da dinamización do rural a través da cultura”. Asemade o deputado provincial de Cultura felicitou a asociación por organizar ano tras ano “un evento tan importante que pon en valor as tradicións ancestrais, e que ademais de ser un día de festa repercutirá positivamente na economía da vila”.

As actividades comezan ás 17.00 horas cun mercadiño meigo de artesanía, e continúa cun baile de feiticeiros, un photocall meigo e, ás 20.00 horas dará comezo o desfile animado por Donas sen cabaleiros, Santa Compaña, Dama de Lume, Xituma Batuque, e Os Tabaleiros da Istoria, que sairá da ponte de San Francisco.

A Pasaxe do Terror é “a actividade con máis éxito da festa, que dará comezo ás 22.00 horas, e correrá a cargo de Trécola Teatro e de voluntarios do Ribeiro no Castelo. As entradas poderán comprarse a partir das 20.00 horas na taquilla da praza Maior, por un prezo de 4 euros”, explicou Jéssica Martínez.

Asemade esta edición conta con outras novidades como o espectáculo de lume e malabares “Dama de Lume”, executado pola artista portuguesa Rita Miguel, ás 22.15 horas na praza Maior, ou o “Flashmob”, unha experiencia grupal cun baile que se activa a través de internet cunhas regras moi sinxelas e que terá lugar na praza Maior da localidade ás 23.45 horas. “As Lajartas” que realizarán unha performance nunha plataforma móbil.

Dentro da programación prevista para ese día, tamén se inclúe o concurso-exposición de cabazas no que participan nenos e nenas en categorías: infantil, 1º-3º de Primaria, e 4º-6º de Primaria. A exposición estará desde o día 28 de outubro ao 2 de novembro, e o premio do concurso entregarase o día da festa na praza Maior.

O concerto de Fin de Festa correrá a cargo do grupo “Fillos do Estramonio” liderado por Pepe Capelán, a partir das 01.00 horas.

Alba González lembrou que a asociación Ribadavia Activa-T, “naceu no ano 2001 co fin de potenciar a nosa cultura e desenvolver actividades que implicarán a todos os veciños de Ribadavia. Neste contexto xorde a idea de levar a cabo unha celebración que, de forma lúdica, lembre a nosa esquecida festa do Samaín, considerada a festividade máis importante do período pagán na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, non só servía como celebración do fin da tempada de colleita senón tamén era considerada como o comezo do novo ano celta, así como a apertura ao outro mundo porque nesa data os defuntos tiñan autoridade para camiñar entre os vivos, e iso é o que desde Activa-T queríamos recrear”.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

servicio-publico-de-empleo-estatal-prestaciones-sepe-antes-inem_img238015t0

Paro novembro: baixa nun 9,6%, o maior descenso producido neste mes desde hai 18 anos

Leer mas →