Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Valdeorras  >  A Veiga  >  Artículo Actual

Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga presentan a Trevinca como destino turístico “Starlight”

Por   /  25/08/2015 

    Imprimir       Email

1 1 1 1 1 1 1 1 MB e Juan Anta

 

A Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga presentaron a Trevinca como destino turístico Starlight converténdose nun dos catorce destinos no mundo e o único en Galicia que conta con esta certificación. A presentación tivo lugar na sala de prensa do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta e os asesores astronómicos, Óscar Blanco e Pablo Canedo.

Este recoñecemento como destino turístico Starlight, converte a Trevinca nun lugar visitable con boas condicións para a contemplación de estrelas e que está protexido de contaminación lumínica, sendo apto para acoller iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo, así o aseguran dende a Fundación Starlight coa concesión deste certificado. Tal e como asegurou durante a presentación Juan Anta, este certificado significa “unha marca de calidade porque no concello de A Veiga hai un dos mellores ceos do mundo onde ver as estrelas”.

Na actualidade con esta nova incorporación son catorce os lugares do mundo que contan con certificado de destino turístico starlight, e Trevinca é o único lugar de Galicia que conta con este certificado. Un sistema de certificación que é avalado pola UNESCO, pola Unión Astronómica Internacional e pola Organización Mundial de Turismo.

Manuel Baltar destacou as condicións “excepcionais de determinadas áreas do concello de A Veiga para contemplar os ceos estrelados” e isto supón que A Veiga entra nunha dinámica e tamén a provincia de Ourense “dun segmento emerxente do turismo que é o astroturismo ou o turismo das estrelas”. A Deputación de Ourense colaborou para que fose posible tramitar o expediente para esta certificación que recibiu o concello o pasado 4 de agosto.

O presidente da Deputación de Ourense recalcou que o concello de A Veiga é “un dos concellos máis extensos de Galicia case 300 quilómetros cadrados e é en A Veiga onde se pode estar no sitio máis alto de Galicia nesa Pena Trevinca e os seus 2.127 metros non é o único pico que sobrepasa os 2.000 metros, ten outros tres máis aparte de Pena Trevinca e estamos a falar tamén dun concello que reúne o maior conxunto do ecosistema de turbeiras e de lagoas de orixe glaciar da Península Ibérica despois dos Pirineos”.

Pola súa banda, Juan Anta destacou que non sería posible chegar a este punto “sen a colaboración da Deputación de Ourense, a axuda dos asesores astronómicos e do meu antecesor que puxo a primeira pedra neste camiño”.

Os asesores astronómicos fixeron un repaso polas características que ten o concello de A Veiga e polo que o converten nun sitio idóneo dende o que ver o ceo estrelado. Entre as súas principais características atópase a baixa contaminación lumínica que ten o concello, a súa gran altitude fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións e ademais, dende A Veiga, pódese ver a Vía Láctea de lado a lado.

No Concello de A Veiga realízanse diferentes actividades que se desenvolven en torno ao mundo da astronomía entre elas a observación de choiva de estrelas ou a segunda edición de Xornadas Astroturismo do Concello de A Veiga os días 11, 12 e 13 de setembro onde o ano pasado participou unha gran cantidade de xente de lonxe do concello. Óscar Blanco afirmou que a idea é facer de A Veiga, “un punto estratéxico na astronomía e nun referente a nivel nacional”.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →