Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Valdeorras  >  Carballeda  >  Artículo Actual

Iniciativas de cooperación no pleno da Deputación

Por   /  29/10/2016 

    Imprimir       Email
  • O pleno da Deputación aproba iniciativas de cooperación medioambiental con mancomunidades e municipios
  • A colaboración do goberno provincial coas mancomunidades de Verín, de Conso–Frieiras, e cos concellos de Viana do Bolo e da Mezquita permitirá a prestación por parte da Deputación do servizo intermunicipal do Punto Limpo
  • O pleno aprobou tamén a elaboración do Plan Director do mosteiro de San Pedro de Rocas, Ben de Interese Cultural dende 1923, que é o atractivo turístico máis visitado da Ribeira Sacra
  • Iniciativas en Valdeorras: En Carballeda e Vilamartín
Pleno Deputación Ourense 28/10/2016

Pleno Deputación Ourense 28/10/2016

 

A Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de outubro, celebrada onte no Pazo Provincial, convenios de cooperación entre o goberno provincial e as mancomunidades de municipios da comarca de Verín e da comarca de Conso–Frieiras e cos concellos de Viana do Bolo e da Mezquita, para a prestación por parte da Deputación de Ourense do servizo intermunicipal do Punto Limpo.

No convenio contémplase que as mancomunidades delegan na Deputación o exercicio das competencias de ordenación, xestión e prestación deste servizo da súa titularidade. Esta delegación comprenderá o exercicio das funcións da ordenación do servizo, o establecemento, imposición e ordenación das taxas pola súa prestación, a elección da forma de xestión do servizo e a súa planificación, e ademais a Deputación terá a condición de posuidor dos residuos recollidos no punto limpo nos termos previstos na vixente lexislación de RSU, e subscribirá os oportunos contratos de servizo coa empresa pública, entre outras funcións.

As competencias delegadas exerceranse no territorio dos municipios que integran cada mancomunidade. A delegación de competencias terá vixencia con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2015. A súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2018.

Asemade outro dos acordos aprobados esta mañá no Salón de Plenos da Deputación de Ourense é a elaboración do Plan Director do mosteiro de San Pedro de Rocas, para levar a cabo obxectivos de desenvolvemento deste tendo en conta o estado de conservación, as propostas de actuación, usos e demais cuestións que xurdan tecnicamente relevantes. Este mosteiro, Ben de Interese Cultural dende o ano 1923, está integrado no catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España, e supón o atractivo turístico máis visitado da Ribeira Sacra, razón pola cal o goberno provincial entende que se debe priorizar calquera actuación que procure ordenar a protección deste emblemático símbolo da nosa provincia de Ourense.

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado onte foron os seguintes:

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DAS COMPETENCIAS DE XESTIÓN TRIBUTARIA E RECADACIÓN DAS TAXAS DO CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO

Acordo:

Aceptar a delegación de competencias nesta Deputación, que acordou o Pleno do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, na sesión do 29 de setembro de 2016, en materia de recadación das taxas esixibles pola prestación do servizo contra incendios e de salvamento así como das actuacións pendentes dos últimos catro anos, e non prescritas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985 de bases de réxime local e o artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, con alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no mencionado acordo do Pleno do consorcio do 29 de setembro de 2016. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.

MODIFICACIÓN DOS EXPEDIENTES N.º 3/2016 E N.º 4/2016 DE MOFIDICACIÓN DE CRÉDITOS

Acordo:

1º.- Modificar as bases de execución do orzamento da Deputación Provincial, no apartado relativo a subvencións nominativas, no seguinte sentido:

a) Procédese á baixa por anulación da subvención nominativa para financiamento do PAI da Mezquita con cargo á aplicación orzamentaria 231.11/462.01 e establécese unha subvención nominativa para o Concello da Mezquita, por importe de 25.000 euros, con destino ás obras de adaptación do local destinado á posta en marcha do PAI, con cargo á aplicación orzamentaria 450.12/762.01. Para tal efecto, apróbase un crédito extraordinario por importe de 25.000 euros nesta última aplicación, financiado mediante a baixa por anulación do mesmo importe na aplicación 231.11./462.01.

b) Modifícase tamén a subvención nominativa de 40.000 euros para construción de pista de tenis e pavimentación no Concello da Gudiña, substituíndoa pola de construción de pista polideportiva.

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2016 (CONCELLO DE VILAMARTÍN DE VALDEORRAS)

Acordo:

Acordar a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016, no relativo a rede viaria provincial, incorporando ó plan principal –en substitución da obra n.º 135/POS/2016, denominada “obras de acceso alternativo á OU-0807”, no termo municipal de Vilamartín de Valdeorras– as obras denominadas “reconstrución muro de escollera na OU-0801 Sobradelo de Valdeorras”, no termo municipal de Carballeda de Valdeorras, co número 135/POS/2016 e un orzamento de contrata de 60.280,00 euros; e a obra denominada “sinalización horizontal na OU-1107”, co número 138/POS/2016 e un orzamento de contrata de 18.493,84 euros.

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2016 (CONCELLO DA TEIXEIRA)

Acordo:

Acordar a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2016, no relativo a rede viaria provincial, incorporando ó plan principal –en substitución da obra n.º 133/POS/2016, denominada “acondicionamento e mellora integral na OU-0214”, no termo municipal da Teixeira, que quedará incorporada ó plan complementario- as obras denominadas “reforzo do firme na OU-0507 Castadón-San Miguel do Campo”, no termo municipal de Pereiro de Aguiar, co número 135/POS/2016 e un orzamento de contrata de 43.894,84 euros; e a obra denominada “sinalización horizontal nas estradas OU-0514, OU-1011 e OU-1112”, co número 139/POS/2016 e un orzamento de contrata de 16.105,16 euros.

CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE E A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA COMARCA DE VERÍN PARA A PRESTACIÓN POR PARTE DA DEPUTACIÓN, DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DO PUNTO LIMPO

Acordo:

1º.- Aprobar a subscrición dun convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín para a prestación por parte da Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada, do servizo intermunicipal do punto limpo.

2º.- O presente convenio será obxecto de publicación no BOP, para xeral coñecemento.

CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE E A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS CONSO–FRIEIRAS E OS CONCELLOS DE VIANA DO BOLO E A MEZQUITA PARA A PRESTACIÓN POR PARTE DA DEPUTACIÓN DO SERVIZO INTERMUNICIPAL DO PUNTO LIMPO

Acordo:

1º.- Aprobar a subscrición dun convenio de cooperación entre a Deputación Provincial de Ourense e a Mancomunidade de municipios de Conso – Frieiras e os concellos de Viana do Bolo e A Mezquita, para a prestación por parte da Deputación Provincial, en réxime de competencia delegada, do servizo intermunicipal do punto limpo.

2º.- Publicar o presente convenio no BOP, para xeral coñecemento.

LOMCE

Acordo:

Instar ás Cortes Xerais do Estado para que aproben unha iniciativa lexislativa que consolide un Pacto de Estado en materia de educación que dea resposta ás demandas da sociedade española.

PLAN DIRECTOR DO MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE ROCAS

Acordo:

Elaborar o Plan Director do Mosteiro de San Pedro de Rocas, establecendo obxectivos de desenvolvemento deste tendo en conta o estado de conservación, as propostas de actuación, usos e demais cuestións que xurdan tecnicamente relevantes.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

sicixia

Estreo e proxección de ‘Sicixia’ do valdorrés Ignacio Vilar no Avenida

Leer mas →