Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Valdeorras  >  A Rúa  >  Artículo Actual

O ciclo “Cine de Verán” achegará o filme ‘Vida’ á Rúa e á Veiga

Por   /  14/06/2016 

    Imprimir       Email
  • O ciclo “Cine de Verán” proxectará o filme Vida, de Rubén Riós, en 10 localidades da provincia
  • Impulsada pola Deputación de Ourense, esta actividade audiovisual, baixo o lema “Enchamos a provincia de vida”, achega tamén ao público o documental Máis ca Vida
  • Na Rúa o 30 de Xullo e na Veiga o 20 de Agosto. O horario de proxección será ás 22.30 horas
Presentación do Cine de Verán da Deputación

Presentación do Cine de Verán da Deputación

 

A Deputación de Ourense organiza este ano o ciclo “Cine de Verán” baixo o lema “Enchamos a provincia de Vida”, coa proxección do documental Máis ca vida e o filme de ficción Vida, do director Rubén Riós, que se exhibirán en 10 localidades da provincia de Ourense ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto. A iniciativa foi presentada esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director do proxecto Vida, Rubén Riós; e o actor protagonista da película, Óscar Rodríguez.

Baltar destacou a importancia de contar cun traballo de Rubén Ríos nesta actividade “incluída no plan de mandato Ourense 15-19”, e a través da cal “desenvolverase un circuíto de cinema pola provincia de Ourense da man do creador ourensán Rubén Ríos, quen converte en realidade o que soña, e que ten xa unha exitosa traxectoria na que recibiu dous premios Mateo polos seus traballos audiovisuais Adeus Edrada? e Coser e Cantar. Vida, afirma o presidente do goberno provincial “é máis ca unha película, e, sen dúbidas, encherá de emoción a provincia de Ourense durante os meses de verán”.

O proxecto Vida comprende dúas obras audiovisuais, Máis ca Vida, un documental que recolle as testemuñas reais do día a día do mundo que rodea a rapaces e rapazas con capacidades distintas, e Vida, unha obra de ficción na que se mestura arte, entretemento e comunicación, converténdose na primeira experiencia audiovisual destas persoas. O filme conta no seu reparto artístico cos actores como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luis Iglesia, entre outros, que trasladan ao espectador dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais existentes que invitan á reflexión.

Rubén Riós agradeceu á Deputación de Ourense a súa aposta por este traballo porque “é gratificante sentirse identificado na terra de un e que alguén poida ser profeta na súa terra, porque a Vida espéralle un recorrido moi interesante por todo o mundo, proximamente en países como Arxentina e República Dominicana”, e tamén agradeceu aos “máis de 10.000 espectadores que viron este proxecto no Auditorio de Ourense”.

O director de Vida adiantou que o seu traballo irá encamiñado “a través da docencia, cara á inclusión, e sobre todo, por medio dunha realidade que ás veces se nos escapa porque non nos educan nesa diferenciación que é tan importante na sociedade de hoxe en día”, e asegurou que este proxecto, e coñecer a Óscar, “cambioume a vida, tanto no ámbito persoal como profesional”.

Rubén Ríos adiantou que o vindeiro 16 de xullo “será un día importante para esta provincia, porque por primeira vez unha persoa de Ourense con discapacidade intelectual, Óscar Rodríguez, ofrecerá o seu primeiro TED, na Cidade da Cultura, que leva o título de “El niño de la baldosa” e para o que xa están esgotadas todas as entradas”.

Pola súa banda, Óscar Rodríguez animou a todo o mundo a que non deixe de soñar porque “para min Máis ca Vida e Vida é un soño feito realidade, no que a xente poderá ver que as persoas con discapacidade estamos aquí para traballar e estamos preparados para facer isto e moito máis”.

As proxeccións comezan o 17 de xuño en Ourense, para seguir o 18 de xuño en Verín. No mes de xullo o filme proxectarase o día 8 en Maceda, o 15 en Xinzo, o 26 no Carballiño, e o día 30 na Rúa. En agosto exhibirase o día 13 en Riós, o 18 en Celanova, o 20 na Veiga, e o 26 na Valenzá (Barbadás). O horario de proxección será ás 22.30 horas, excepto no caso de Ourense que será ás 23.00 horas.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →