Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Valdeorras  >  A Veiga  >  Artículo Actual

O programa “Ler conta moito”, de Cultura e Educación, dinamizará a lectura en 27 municipios de toda Galicia no mes de setembro, entre eles A Veiga

Por   /  04/09/2015 

    Imprimir       Email

image_gallery (3)O programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria percorrerá durante este mes de setembro as bibliotecas e axencias de lectura de 27 concellos galegos para lle achegar o libro e a lectura a toda a cidadanía.

Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración cos concellos, este programa de dinamización da lectura ofrecerá a partir de mañá e ata o día 30 novas sesións de obradoiros creativos, contacontos, espectáculos de danza, teatro e maxia, e actividades que teñen a música como protagonista, todas elas destinadas a achegarlle a lectura á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.

Neste mes, o programa ofrecerá un total de 37 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia dos municipios de Muxía (días 4 e 26), Santiago de Compostela (días 8, 11, 12, 26), Ribadavia (día 11), Carballo (día 16), Esgos (día 17), Teo (día 18), A Capela (día 18), Lalín (día 18), Moaña (día 18), Verín (día 18), A Veiga (día 19), Neda (días 21 e 28), Oleiros (días 22, 25, 28, 29 e 30), Redondela (día 24), Monforte de Lemos (día 24), Cerceda (día 25), Pontevedra (día 25), Arteixo (día 25), Maceda (día 25), Ordes (día 25), A Coruña (día 26), Cervo (día 26), Carballedo (día 26), Catoira (día 27), Valga (día 27), Meis (día 30) e Cangas do Morrazo (día 30).

Contacontos para os máis novos
Con esta programación de “Ler conta moito”, os máis novos terán ocasión de darlles vida a personaxes imaxinados coa actividade ‘Monicreques nas mans’, a cargo de Larraitz, ou de gozar con ‘O misterio do pirata Benito Soto’, actividade na que Polo Correo do Vento lles achegará aos maiores de 3 anos unha historia de misterios na que non faltará a ilustración de temática pirata. Os contacontos serán protagonistas con propostas como ‘Contando en feminino’, da Asociación Cultural Lisístrata, para nenos e nenas de 3 a 12 anos; ou ‘Contos que deixan pegada’, na que Pavís Pavós lles transmitirán aos nenos e nenas a partir de 4 anos diversos valores a través de divertidas historias.

Maxia e música para gozar coa lectura
A maxia tamén estará presente nas bibliotecas durante as próximas semanas, con actividades como ‘Maxia cómica’, con Leo Leíño, para nenos e adultos; ou ‘Contos de lobo’, para nenos e nenas de 3 a 10 anos, no que Teatro Ghazafelhos mesturan a maxia, o circo e a hipnose para promover a lectura.

Tampouco faltará a música nas novas sesións de “Ler conta moito”, a través de propostas como ‘Brinca vaia!’, de Paco Nogueiras; ‘Merenda con pan de millo’, un espectáculo de Migallas Teatro baseado no libro disco ‘Pan de millo, ou ‘Petiscos musicais’, no que Os Tres Tenedores lles ofrecerán aos nenos e mozos de 4 a 15 anos un saboroso menú cunha mostra de diversos tipos de instrumentos, construción con materias de refugallo, estilos musicais, ritmos diversos e fermosas cancións, que farán desta viaxe a máis musical das aventuras.

Todas as actividades, de carácter gratuíto, son difundidas a través da rede no blog de “Ler conta moito” e poden consultarse nas páxinas web de Cultura e da Rede de Bibliotecas de Galicia.

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

NoticiasValdeorras se integra en CreandoTuProvincia

Leer mas →