Leyendo...
Estás aquí:  Portada  >  Valdeorras  >  O Barco  >  Artículo Actual

Tartufo de Molière no TLO

Por   /  04/11/2016 

    Imprimir       Email
  • Hoxe venres 4 de novembro as 21:00h o Centro Dramático Galego presenta no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras ‘Tartufo’
  • As entradas, 5 euros, estarán á venda desde unha hora antes na billeteira 


tartufo

 

Tanto Orgón, membro da alta burguesía parisiense, coma a súa nai, Madame Pernelle, atópanse baixo a influencia de Tartufo, un falso devoto que se erixe no seu director espiritual e que persegue, en realidade, ficar con todos os bens do seu protector. Ao mesmo tempo, este impostor trata de casar con Mariana, a filla de Orgón, mentres seduce a súa segunda muller, Elmira. A trama vaise complicando progresivamente coas intervencións de Damis (fillo de Orgón), Cleanto (irmán de Elmira) e Valerio (amante de Mariana), que son puntualmente comentadas dende o ácido punto de vista da criada Dorina. Esta comedia de enredos, aparentemente lixeira, non só cumpre a función propia do seu xénero: divertir os espectadores, senón que posibilita unha segunda lectura sobre o que pode chegar a suceder cando un farsante se interpón entre o poder e quen o posúe co obxectivo de satisfacer os seus intereses persoais. Fálanos do alcance das aparencias, da cegueira que provoca non querer ver e das visións que substitúen a realidade. Tartufo fálanos, en fin, do perigo que corremos nós e mais a nosa xente cando confundimos a hipocrisía coa honestidade e a honestidade coa hipocrisía.

Impostores: habelos, hainos

Impostores houbo e hai en todas as épocas, dende que o mundo é mundo. Hainos máis inocuos, que se conforman coa impostura dunha determinada pose de cara á sociedade. E hainos máis perniciosos, que non se contentan coa impostura en si mesma e aspiran a satisfacer obxectivos ulteriores por medio dela. Sexan da natureza que sexan: habelos, hainos.

De aí a gran resonancia do texto de Molière nos nosos tempos. Por unha banda, Tartufo, un home que finxe ser alguén que non é para conseguir algo que non lle corresponde. Un home que, de tanto finxir, semella finxir que finxe; é dicir, un impostor que mantén tan ben a súa impostura que abre a paréntese da dúbida razoable con respecto á súa identidade. Por outra banda, as persoas enganadas, aqueles seres que cren cegamente nel. Xorden moitas preguntas en torno a eles: de onde procede a súa fe sen límites?, que clase de carencia perentoria os leva a substituír a percepción da realidade polas visións de Tartufo? Finalmente, os que perciben a obscenidade do finximento, que mesmo son quen de ver máis alá del para descubrir a intención última deste falso devoto. Aparecen novas dúbidas respecto a eles: perseguen desenmascarar o impostor en tanto que impostor ou porque coa súa impostura defende outros intereses distintos aos seus?

Molière, novamente, asómbranos coa súa capacidade de análise de determinadas facetas da natureza humana, sen renunciar para facelo ao seu xénero predilecto: a comedia. Outra vez aparece na súa obra o finximento, coma unha sorte de teatro dentro do teatro ao que JeanBaptiste Poquelin, en tanto que Molière, non pode renunciar. Unha vez máis, respírase no texto o recendo do teatro, coma uns acertados lentes a través dos que ollar a realidade presente, coma unha forma de vida que agarda ser vivida.

 

TEXTO: Jean-Baptiste Poquelin, Molière

DIRECCIÓN: Carles Alfaro

GRAN FORMATO

ACTORES: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres

 

centro-dramatico-galego-presenta-tartufo

    Imprimir       Email

También te recomendamos...

Certamen de Corales en Vilamartín

Leer mas →